Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

Club Baloncesto Artai e Escola Basket Xiria renovan o seu proxecto de vinculación para seguir impulsando o baloncesto carballés

Os presidentes de ámbolos clubs asinaron un novo convenio nun acto celebrado hoxe na Casa do Concello coa presenza do alcalde e do concelleiro de Deporte

Xoves 25 de outubro do 2018

Marcos Trigo, Marcos Molk, Evencio Ferrero, Joaquín Moreira e Arturo Ferraces

Marcos Trigo, Marcos Molk, Evencio Ferrero, Joaquín Moreira e Arturo Ferraces

O proxecto de vinculación entre o Club Baloncesto Artai e a Escola Basket Xiria acadou, e mesmo superou, os obxectivos marcados catro anos atrás. A día de hoxe contamos en Carballo con 27 equipos de baloncesto, que implican a 369 deportistas de distintas idades e categorías, a máis de 1.000 socios/as e que ademais dan traballo a 23 profesionais. Pero ademais dos números, a unión dos dous clubs de baloncesto carballeses impulsou a práctica do deporte entre a poboación feminina e demostrou, en palabras do alcalde, “a fortaleza do baloncesto e a capacidade de mirar máis alá da leira de cada un para velar polo interese colectivo”. 

Evencio Ferrero quixo estar presente, xunto co concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, no acto oficial de sinatura dun novo proxecto de vinculación entre Artai e Xiria entre os presidentes de ámbalas dúas entidades, Joaquín Moreira e Marcos Díaz Molk. Ao acto asistiu tamén o director deportivo da EBX, Arturo Ferraces.

Joaquín Moreira aludiu á “boa sintonía” que hai entre as entidades, que fixo posible converter o baloncesto nun dos deportes maioritarios no noso concello.

Marcos Molk destacou especialmente a creación dun equipo sénior feminino, que era un dos obxectivos fixados hai catro anos. “É un orgullo facer isto de novo”, asegurou, sobre todo en datas claves para ámbolos dous clubs, xa que Xiria cumprirá 35 anos no 2019 e Artai acadou os 15 no 2017. 

O alcalde, pola súa banda, remontouse aos “reinicios” do baloncesto en Carballo e asegurou que Artai e Xiria son “un exemplo do que é o deporte carballés: en crecemento e con máis equipos femininos”.

O acordo de vinculación estará vixente durante unha tempada, con posibilidade de prórroga, e afecta aos equipos das categorías infantil, cadete, júnior e sénior, o que permite compartir xogadores/as e tamén adestradores/as.

Compartir: