Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

O 22 DE XUÑO REMATA O PRAZO DE INSCRICIÓN

As Escolas de Verán de Balonmán Xiria levan un cuarto de século fomentando o deporte e a cultura

250 nenas e nenos poderán participar nas actividades programadas para o período comprendido entre o 2 de xullo e o 31 de agosto

Venres 15 de xuño do 2018

As Escolas de verán do Balonmán Xiria chegan este ano á súa vixésimo quinta edición. Do 2 de xullo a 31 de agosto, de 10.00 a 14.00 horas, ata 250 rapaces e rapazas nados entre 2005 e 2014 participarán nun completo programa, pioneiro na nosa comarca, no que poderán gozar nas instalacións do CEIP Fogar, ademais de balonmán, de actividades –adaptadas a cada idade– como psicomotricidade, iniciación deportiva, teatro, xornalismo, ciencias medioambientais, xogos populares; de obradoiros de reciclaxe, robótica, seguridade viaria, nutrición e fisioterapia; e de saídas semanais, festas temáticas, festa de fin de campamento ou un campus físico, técnico e táctico.

Como novidade, a empresa carballesa Playmakers incorpórase á organización das Escolas. A inscrición –aberta ata o 22 de xuño e non máis de 250 prazas ofertadas– pódese formalizar nas oficinas de Carballo Deporte –Rúa Vila de Corcubión, s/n– e de Playmakers –Rúa Fomento, 21-23, 2º, Local 1–. Tamén na seguinte dirección web, onde tedes todo a información sobre a documentación necesaria e as formas de pago: http://www.balonmanxiria.com/escolasdeveran/

Presentación

O programa das Escolas presentouse na Casa do Concello coa participación do alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; Juan Ramón García del Río, coordinador técnico de Escolas Balonmán Xiria; e Juana Garrochena, responsable da empresa Playmakers.

Marcos Trigo deulle os parabéns ás Escolas de Balonmán Xiria “polo bo traballo que levan feito, cada vez mellor, durante estes vinte e cinco anos de actividade”.

Evencio Ferrero e Juan Ramón García del Río

Evencio Ferrero e Juan Ramón García del Río

O motivo de seguir ofrecendo estas escolas”, explicou García del Río, “é case o mesmo que nos levou a inicialas: darlles aos nenos e nenas máis novos dos nosos equipos unha actividade alternativa durante o verán, pero tamén que participasen nelas rapaces e rapazas alleos ao club, co obxectivo engadido de captar novos xogadores. Conforme medramos, decidimos que estaba ben o que propoñiamos, pero que lle podiamos dar un enfoque máis xenérico. Así, haberá uns dez anos, ampliamos a oferta cunha serie de actividades que completaban un programa que daquela foi novidade: teatro, piscina, clases de inglés e outras. A media de participantes, uns 250 no mes de xuño, dío case todo: é un terzo do total de alumnos e alumnas do colexio Fogar participa nas instalacións do centro durante os meses das Escolas”. “Este ano, como punto de inflexión”, engadiu, “decidimos falar con Playmakers para que colaborasen con nós na organización da actividade”.

A entrada de Playmakers na organización das Escolas suporá, en palabras de Garrochena, “un novo enfoque, a incorporación de novos monitores e a ampliación do programa con novas actividades como, por exemplo, xornalismo. Ao cumprirse este verán o vinte e cinco aniversario das Escolas pensamos que estaría ben facer unha revista na que se recollesen as noticias e as experiencias dos nenos e nenas durante a súa estadía con nós en xullo e agosto”.

Evencio Ferrero reiterou os parabéns do Concello ás Escolas de Balonmán Xiria: “Vinte e cinco anos son un longo percorrido de experiencia, de esforzo, de voluntariado e de moita actividade para os miles de nenos e nenas que participaron nas Escolas”. “As Escolas de verán do Balonmán Xiria son un referente, ata tal punto de que agora mesmo se pecha o cota de admisión porque non hai máis capacidade para absorber moita máis demanda”. “O Concello só pode desexar que esta nova escola sirva para que máis persoas se incorporen ao mundo do deporte en Carballo, onde somos afortunados de manter o nivel deportivo que mantemos, e iso haillo que agradecer tamén ao Balonmán Xiria e as súas escolas”.



Galería

Compartir: