Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

O programa da Deputación da Coruña “Conquista os Elementos” chega a Carballo para reivindicar o deporte feminino

A biblioteca Rego da Balsa acolle mañá o segundo dos vídeo-fórum Muller e Deporte

Martes 30 de xaneiro do 2018

Evencio Ferrero, Ánxela Franco e Maica Ures, no acto de hoxe

Evencio Ferrero, Ánxela Franco e Maica Ures, no acto de hoxe

O novo programa da Deputación da Coruña en prol da promoción e impulso da visibilidade do deporte feminino chega a Carballo, que na xornada de mañá acollerá o segundo dos vídeo-fórum Muller e Deporte. Durante o acto de presentación, no que participaron a responsable da área de Benestar Social e Igualdade da Deputación da Coruña, Ánxela Franco; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a concelleira de Igualdade e Benestar de Carballo, Maica Ures, expuxeron as principais características dunha campaña que ten por obxecto divulgar, sensibilizar e potenciar a visibilidade do deporte feminino na provincia.

As deportistas convidadas para participar na mesa redonda son a xogadora e actual delegada do CRAT da Coruña, Belén Iglesias, e a xogadora e seleccionadora galega de fútbol sala, a carballesa María Bardanca

A biblioteca Rego da Balsa este mércores ás 19:00 horas a proxección do documental Contra os elementos, unha reportaxe que precederá ao relatorio-debate no que destacadas deportistas galegas comentarán co público asistente as súas experiencias persoais e  as diferentes situacións polas que atravesan as mulleres no mundo do deporte. Desta volta, as deportistas convidadas para participar na mesa redonda son a xogadora e actual delegada do CRAT da Coruña, Belén Iglesias, e a xogadora e seleccionadora galega de fútbol sala, a carballesa María Bardanca, quen analizarán a realidade do deporte feminino na actualidade e as diferentes coxunturas que tiveron que superar durante a súa traxectoria deportiva. A participación nas actividades do programa Conquista os elementos fica aberta a todo o público, estando especialmente deseñadas para a mocidade, asociacións, federacións e escolas deportivas municipais.

Presentación

A deputada provincial Ánxela Franco destacou que a iniciativa pretende ser “unha forma de crear debate arredor da muller, da igualdade e do deporte”, avogando pola implicación das institucións públicas para avanzar no eido da igualdade. Neste sentido, lamentou que aínda existan federacións que “traten de xeito discriminatorio ás mulleres con respecto dos seus compañeiros que son varóns”, e incidiu en que “a igualdade conquístase co esforzo e co traballo diario”.

Pola súa parte, o alcalde de Carballo, Evencio Ferreiro gabou a iniciativa da Deputación e indicou que é preciso “se produza a visualización da muller no deporte”, pois malia contar co recoñecemento deportivo “o recocemento social non vai parello”. Amousou tamén o seu desexo de que con este tipo de iniciativas se expanda a igualdade no deporte.

Finalmente, a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, criticou que “cando se fala de deporte feminino, os premios, os patrocinios e os salarios son menores” con respecto das modalidades masculinas, e subliñou que “as mulleres son igual de boas, igual de bravas e igual de loitadoras ca os homes”.

Entre os obxectivos que procura a campaña Conquista os Elementos da Deputación da Coruña atópanse amosar a realidade das deportistas galegas, reivindicar a súa proxección deportiva, contribuír a crear iconas femininas que sexan referentes para o fomento da práctica deportiva, coeducar en igualdade de oportunidades e rachar cos estereotipos de xénero aínda presentes na sociedade. A campaña chegará ás 18 comarcas da provincia.

Ligazóns



Galería

Compartir: