Cultura

Cultura

- 2024 +
- Outubro +
L
M
M
X
V
S
D
 
1
2
3
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

O talento galego emerxente sae reforzado do festival de contidos dixitais Carballo Interplay

Luns 8 de abril do 2024

O festival de contidos dixitais Carballo Interplay despide a undécima edición, marcada polo cambio de localización para o Mercado de Carballo, trasladándose ao corazón da vila e polo recoñecemento ao talento galego emerxente no ámbito audiovisual e dixital.

Este domingo o Carballo Interplay despediuse con dous dos momentos máis esperados, o show “CFA. Lasamigas Productions” da man de Carolina Iglesias e Laura Márquez, no que repasaron os seus referentes e inspiracións do mundo audiovisual e dixital. Despois celebrouse a entrega de premios, nun acto cheo de risas presentado polo dúo cómico Izquierdo Sisters.

Por primeira vez na historia do festival un proxecto galego acada o premio a Mellor Dirección. A lucense Irene Pin levouse o galardón, dotado con 200€. A webserie “Rent-a-pal” conta a experiencia de Andrea, unha rapaza que comeza a traballar nun negocio moi singular, unha empresa de alugueiro de amigos. O xurado, formado pola curadora de contido dixital Ainhoa Marzol, o cineasta Joel Bassaget e o artista Fran Rodríguez Casal destacou a “resistencia a adaptarse a unha estructura narrativa fácil e coñecida para tomarse o seu tempo e peitear coidadosamente os anacos contemporáneos da vida”.

Este xurado tamén otorgou o premio de Mellor Serie a Historia Mal, dirixida polo andaluz Daniel Cervantes, unha obra de animación coa que lle dan unha volta á historia ou como sinalan os autores, “con máis improvisación que historia”. Neste caso o xurado destacouna como “divertida, intelixente e estrafalaria” demostrando que “os cartos non son problema cando se ten talento e coñecemento”. O premio económico neste caso é de 800€. A serie conquistou tamén ao público que se achegou ao Mercado a coñecela e cos seus votos concedeulle o Premio do Público, de 400€. A webserie Bananas, enviada dende República Checa, recibiu unha mención especial por parte do xurado.

O xurado novo, formado por Afra Torrado, Daniel Valcárcel Colino, Iria Ramos Mesía e o artista Mondra, destacou a webserie china Monster Diner / 怪兽小馆sobre monstruos agochados entre humanos. Este Premio do Xurado Novo conta con 400€.

No caso do Premio a Mellor Proxecto de Contido Dixital en Galego, os gañadores foron o equipo da serie “Delirio Sketch”, co seu proxecto de serie de comedia. O Carballo Interplay aportará con este recoñecemento 3.000€ destinados á produción da serie.

Por último, nesta edición estreouse o Premio a Mellor Creador e Canle de Contido Dixital en Galego. Dez finalistas en ambas categorías, creador ou creadora e canle, presentaron os seus proxectos ante o xurado formado por Gabri Fuentes, Cibrán Tenreiro, Andrea Villa e Marta Salicrú. Finalmente foi a creadora de contido María Rúa, coñecida en redes como Prado Rúa, pola súa “autenticidade, carisma especial” destacado a calidade lingüística do seu contido e a “rotundidade” para defender “causas que considera xustas”, a gañadora a mellor creadora. Na categoría de mellor canle o gañador foi o videopodcast O Faiado, realizado por estudantes da Universidade de Santiago de Compostela, por facer coas súas conversas e entrevistas “do local algo universal e viceversa” e o dominio da comunicación en redes sociais. O premio económico é de 600€ en cada categoría.

Compartir: