Cultura

Cultura

- 2024 +
- Outubro +
L
M
M
X
V
S
D
 
1
2
3
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

VENRES ÁS 21.00 E SÁBADO ÁS 20.30 HORAS

O 32º FIOT homenaxea ao Xestal coa estrea absoluta da coprodución "Apaga o candil" esta fin de semana

O espectáculo está dirixido por Cándido Pazó e protagonizado por Avelino González e Toni Salgado

Martes 3 de outubro do 2023

A 32ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro, o FIOT32, rende homenaxe á figura de Carlos Díaz ‘O Xestal’ coa estrea absoluta, esta fin de semana, do espectáculo Apaga o candil. A peza, coproducida por Contraproducións e o propio FIOT, está dirixida por Cándido Pazó e protagonizada por Avelino González e Toni Salgado. Apaga o candil poderase ver no Pazo da Cultura de Carballo o venres 6 de outubro, ás 21.00 horas, e o sábado 7, ás 20.30 horas. As últimas entradas dispoñibles para as funcións pódense adquirir a través da plataforma en liña Ataquilla.com.

Esta mañá tivo lugar a presentación á prensa desta estrea absoluta. No acto participaron o director do FIOT, Alberto Sueiro; o dramaturgo e director da peza, Cándido Pazó; a coprodutora do espectáculo, Belén Pichel; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; e membros do equipo artístico. Nun ano declarado polo Concello de Carballo como Ano do Xestal, coa implicación da institución municipal, o FIOT impulsa esta achega en forma de obra dramática coa vocación de realizar unha contribución que o poña en valor para as artes escénicas de Galicia e como colofón da efeméride. Tal e como salientou Alberto Sueiro, este espectáculo “é un proxecto longamente acariñado polo festival, pois consideramos necesario reivindicar a figura deste carballés de adopción pioneiro da narración oral”.

Os contos humorísticos do Xestal están arraigados na tradición rural e visibilizan os problemas sociais desde a sátira; conectárono coa sociedade converténdoo nunha querida figura da cultura popular galega dos últimos anos. Así, e cun pé no humor e outro na emoción, Candido Pazó, un dos dramaturgos galegos máis prestixiosos, narrador e admirador de Carlos Díaz ‘O Xestal’, achéganos en Apaga o candil ao contador de contos e tamén ás circunstancias complexas da súa vida, á necesidade de recoñecemento, ao seu compromiso, así como á dificultade histórica da posta en valor da cultura tradicional galega. “Eu conectei dende moi cativo co Xestal, ao poder escoitar na casa os seus contos, nos discos. É unha figura fundamental e sobre el poderianse facer moitos espectáculos, moi diferentes, mais o que queremos con este é que O Xestal sexa moito máis coñecido polo país adiante e que desde Carballo poidamos levar o seu enxeño a grandes e pequenos escenarios de moitas vilas”, apuntou Pazó. Así, Apaga o candil contará, logo do seu paso polo Pazo da Cultura, cunha xira por Galicia e, grazas á colaboración do Centro Dramátigo Galego (CDG), tanto nas funcións de Carballo como nas seguintes, o espectáculo irá acompañado da tradución á lingua de signos a través dun vídeo inclusivo.

Alén da súa presenza do Programa de Sala, o espectáculo forma parte tamén da programación do FIOTeen -a liña de programación do FIOT adicada á mocidade-, de xeito que contará cunha preestrea, con público dos centros de ensinanza de Carballo, que terá lugar este mércores, 4 de outubro, ás 11.00h, no mesmo escenario do Pazo da Cultura. Ademais, ao remate da función do venres 6 de outubro, farase entrega do Premio do Público FIOT 2022 á compañía Contraproducións polo espectáculo Cigarreiras.

Apaga o candil, fábula teatral para dous actores

O tempo da ficción dramática sitúase no intre do derradeiro alento do Xestal, finado á idade temperá de 59 anos. No lusco e fusco entre a vida a morte. A peza toma como punto de inspiración estrutural e argumental os clásicos contos da visita da morte, unha tipoloxía de historias tradicionais universais que responden a un esquema máis ou menos semellante: un personaxe topa coa morte que lle vén anunciar que o seu final é inminente; o personaxe fai todo o que pode por enganar a morte e librarse do seu lúgubre designio, afán que acaba por resultar fatidicamente inútil. Na tradición galega este tipo de contos tenden a estar revestidos por unha pátina de humor e retranca que relativizan o seu carácter tráxico.

Sobre Cándido Pazó (Vigo, 1960)

Comeza a súa actividade como actor en 1975, vinculándose ao nacente movemento teatral da súa cidade e de Galicia. Membro fundador da compañía viguesa A Farándula, traballa en todos os seus espectáculos ata a disolución desta en 1983. Complementa o seu autodidactismo cunha formación fragmentaria na que cabe destacar o seu contacto parisino con Philippe Gaulier, que marca claramente a súa poética e o seu concepto da posta en escena e a dirección de actores.

Logo dunha etapa de actor en diversas compañías e no CDG, ademais de axudante de dirección (Eduardo Alonso en teatro; Octavio Gómez, Manuel Gómez Pereira, García Sánchez ou Miguel Gato en cine), debuta como autor e director de escena con compañía propia, Tranvía Teatro, coa peza O merlo branco (1989). A partir de entón escribe, dirixe ou fai adaptacións para varias compañías, especialmente Ollomoltranvía (resultado da fusión da súa compañía con Ollomol en 1993), pero tamén en Teatro do Malbarate, Teatro do Xalgarete, Títeres Tanxarina, Teatro do Noroeste, Teatro do Atlántico, Talía Teatro, CDG ou Teatro de Adro.

Cándido Pazó, recoñecido como Xograr de Outono, tamén traballado como guionista para series de televisión (Pratos combinados, Mareas Vivas), así como narrador oral para eventos e festivais de Europa, África e América Latina. A súa vinculación co FIOT é moi fonda, e en Carballo presentou espectáculos como Cigarreiras, Os fillos do sol, O electo ou Commedia.

Compartir: