Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

O Concello de Carballo e a Fundación Manuel Facal asinan un protocolo de colaboración para difundir a obra do artista

Este venres 8 terá lugar na Biblioteca Rego da Balsa a presentación do anteproxecto de rehabilitación do edificio familiar como futura sede

Xoves 7 de setembro do 2023 Cultura

A presentación do programa de actos celebrouse no Museo de Bergantiños

A presentación do programa de actos celebrouse no Museo de Bergantiños

Dentro do convenio de colaboración entre o Concello de Carballo e a Fundación Manuel Facal, este mércores tivo lugar no Museo de Bergantiños a presentación das actividades que se levarán a cabo ata finais de ano para conmemorar o 80º aniversario do artista carballés máis internacional.

Xaime Díaz exerceu como mestre de cerimonias e deu a coñecer o programa de actos. O máis inminente é a presentación do anteproxecto de rehabilitación do edificio da familia Facal, situado na rúa do Sol, coa finalidade de convertelo en sede da Fundación Manuel Facal e dun futuro centro de arte contemporánea. A presentación, aberta ao público, celebrarase este venres 8 de setembro, ás 20.30 horas, na Biblioteca Rego da Balsa.

Manuel Facal e Evencio Ferrero asinaron o protocolo

Manuel Facal e Evencio Ferrero asinaron o protocolo

Manuel Facal, en representación da fundación que leva o seu nome, e Evencio Ferrero, no nome do Concello de Carballo, asinaron ante numerosas testemuñas o documento que marca o inicio dos trámites para, en palabras do alcalde, “que a obra de Facal non se disperse, e que teña un espazo en Carballo que sexa ao mesmo tempo un centro de divulgación da arte contemporánea”.

Con esa finalidade, o protocolo asinado este mércores establece a vontade de ámbalas partes de actuar co obxectivo común de promover, protexer e difundir a obra de Manuel Facal, “contribuíndo deste xeito á dinamización cultural en materia de artes plásticas de Carballo e de toda Galicia”. O artista cederá ao Concello de Carballo unha serie de obras e o edificio familiar, e desde a Administración local realizaranse os trámites necesarios para que poida destinarse a sede do Centro de Arte Contemporánea Manuel Facal.

Visita ao edificio da familia Facal

Visita ao edificio da familia Facal

O alcalde destacou a longa relación de colaboración entre Concello e artista, que ten doado a Carballo obra pictórica e escultórica.

Despois da sinatura do protocolo tivo lugar unha visita ao edificio familiar, no que as persoas asistentes puideron ver algúns dos proxectos nos que está a traballar Manuel Facal nestes momentos.

PROGRAMA DE ACTOS

  • Venres 8 de setembro (Biblioteca Rego da Balsa, ás 20.30 horas), presentación do anteproxecto de rehabilitación do edificio da familia Facal para a sede da Fundación e Centro de Arte Contemporánea Manuel Facal. 
  • Venres 15 de setembro (Espazo Casino 1889, ás 20.30 horas), presentación do proxecto de festival de jazz e concerto de Lois Rivera Quartet.
  • Xoves 28 de setembro (Espazo Casino 1889, ás 20.30 horas), exposición da carpeta Cenizas del amor - Ashes of love e conferencia de Xavier Seoane sobre A obra de Manuel Facal.
  • Xoves 5 de outubro (Espazo Casino 1889, ás 20.30 horas), reunión cos padroados das fundacións Manolo Paz, Eduardo Pondal e Uxío Novoneyra.
  • Xoves 19 de outubro (Espazo Casino 1889, ás 20.30 horas), mesa redonda sobre As artes plásticas contemporáneas en Galicia, con Correa Corredoira, Manuel Vilariño e Xosé Antón Castro.
  • Venres 3 de novembro (Espazo Casino 1889, ás 20,30 horas), performance ConCerto DesconCerto de Antón Reixa.

Compartir: