Cultura

Cultura

- 2024 +
- Marzo +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
cultura@carballo.gal

O ciclo "Mundos silenciados" achéganos o mellor do cinema documental galego a través de catro títulos

"Pedrón do Freixo. Unha historia da Terra das Pontes", de Ángel Cordero, abre as proxeccións este xoves ás 20.00 horas

Mércores 12 de febreiro do 2020

Ángel Cordero e Marcos Trigo presentaron o ciclo

Ángel Cordero e Marcos Trigo presentaron o ciclo

Dentro da programación dos Venres Coolturais, esta semana arrinca no Pazo da Cultura o ciclo de documentais galegos Mundos silenciados, unha aproximación ao mellor do cinema documental galego a través de catro títulos que, desde perspectivas moi diferentes, nos achegarán a realidades ou mundos silenciados que aínda viven no pasado, seguen presentes só na nosa memoria ou son vividos individualmente, aínda que tratan problemas que nos afectan a todos/as.

Mundos silenciados enmárcase en A través da lente, a sección coa que a Concellaría de Cultura pon en relación diversas accións de fomento e difusión das artes da imaxe e audiovisuais arredor da fotografía e do cine.

En cada sesión, contaremos ademais coa presenza do director/a e/ou algúns membros do equipo, que presentarán o filme e participarán nun coloquio cos asistentes. Está confirmada a presencia en Carballo de todos os directores, agás Ángeles Huerta, directora de Esquece Monelos, quen expresou o seu desexo de presentala no Pazo, pero que aínda non conseguiu cadrar axenda. O acceso a todas as proxeccións será libre e gratuíto ata completar aforo.

O ciclo arrinca este xoves 13, ás 20 horas, coa proxección de Pedrón do Freixo. Unha historia da Terra das Pontes, un filme dirixido polo profesor de fotografía na Escola de Imaxe e Son da Coruña, Ángel Cordero, que narra a vida de Pedrón, un home de 83 anos que relata as súas duras experiencias, compendio de tenacidade, supervivencia e bo humor, onde o traballo, a ausencia de familia e a integración na comunidade son un reflexo do acontecido en O Freixo, parroquia chea de vida hai un século e agora camiño do despoboamento.

A seguinte cita será o 27 de febreiro, cando se proxecto Esquece Monelos, a primeira longametraxe da directora Ángeles Huerta, quen se vale da desaparición do río Monelos baixo a cidade da Coruña para reflexionar sobre como se perde a memoria dos lugares e das súas xentes. A cinta foi galardoada con 3 premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual: Mellor documental, mellor fotografía (Jaime Pérez) e mellor montaxe (Sandra Sánchez).

Hamada, do realizador galego afincado en Suecia Eloy Domínguez, é a terceira parada do programa, o 12 de marzo. Con vitalidade e humor, Hamada é o insólito retrato dun grupo de amigos que viven nun campamento de refuxiados no deserto do Sáhara, que se reinventa día a día nun lugar, onde nada semella cambiar. Entre os numerosos premios recibidos por esta cinta están  o de Mellor Película Española e Mellor Director, no Festival de Xixón; e Mellor Ópera Prima e Premio do Xurado Xove, no Cinéma du Réel.

O ciclo rematará o 26 de marzo con Idénticas, de Luis Avilés, o relato de dúas irmáns xemelgas de Lousame, Cayetana e Celia, de 7 anos, que padecen unha enfermidade rarísima, a etereoplaxia ósea progresiva. Idénticas, premio Mestre Mateo, entre outros, fala da súa vida, da dos seus pais e de todo o que supón para unha familia convivir con esta enfermidade. Cayetana e Celia son, ademais, o único caso no mundo de irmás idénticas no que esa enfermidade ten un desenvolvemento dispar: mentres que estado de Cayetana agrávase cada día más, en Celia o proceso é moito máis lento.

Presentación

De Mundos silenciados falaron o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e dun dos directores que exhibirán película no programa,  Ángel Cordero. Trigo lembrou os obxectivos que a Concellaría de Cultura persigue con A través da lente, no que tamén teñen espazo outras propostas destacadas este ano nos Venres Coolturais, como o Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís ou o ciclo Conversas fotográficas. “O que queremos _explicou_ é ofrecer unha mirada ao audiovisual galego; neste caso, de catro documentais multipremiados e dunha indubidable calidade”.

Ángel Cordero falou dos catro documentais que poderemos ver no próximo mes e medio no Pazo da Cultura e afirmou que o nome do ciclo, Mundos silenciados está “moi ben pensado porque reflicte as dificultades que teñen para exhibirse e distribuírse este tipo de propostas, malia estar tan premiadas como as que traemos a Carballo”. “O resultado _engadiu_ é moito máis que digno; eu diría que, en moitos momentos, brillante”. Cordero animou aos carballeses a ver as películas e a participar nos encontros cos directores, técnicos e produtores  que presentarán os filmes no Pazo e expresou o seu desexo de que ‘Mundos silenciados’ teña continuidade no tempo e cumpra máis edicións que a que comeza este mesmo xoves: “Oxalá o ciclo se consolide e alimente esa difusión dos nosos produtos que está tan mal nutrida”.

Compartir: