Todos os escolares de 4 e 5 anos participarán este trimestre no programa de visitas guiadas á Biblioteca Rego da Balsa
O luns 14 de outubro arranca unha nova campaña de difusión dun dos recursos culturais máis importantes da Costa da Morte
Domingo 13 de outubro do 2019 Cultura
![Imaxe dunha visita do ano pasado Imaxe dunha visita do ano pasado](../media/img/19800x460.jpg)
Imaxe dunha visita do ano pasado
Un total de 598 escolares de catro e cinco anos de idade participarán este trimestre no programa de visitas guiadas á Biblioteca Rego da Balsa, unha iniciativa da Concellaría de Cultura para que as nenas e os nenos empecen a familiarizarse coa “Esencia perenne” dun recurso cultural único na Costa da Morte.
Alumnos e alumnas dos colexios Bergantiños, Fogar, A Cristina, San Luís Romero, Artai, Gándara-Sofán, Nétoma-Razo, Canosa-Rus e CRA Ponte da Pedra participarán nunha actividade duns 45-50 minutos de duración que inclúe unha visita guiada pola zona infantil e unha función de contacontos cos Ratos de Lonxedetodo da compañía teatral Trinketrinke . Ademais, cada un dos cativos e das cativas levará un agasallo.
As sesións comezarán o luns 14 cos coles Fogar e Bergantiños e continuarán o martes 16 (Fogar, A Cristina e Canosa-Rus), o luns 4 de novembro (San Luís Romero, Nétoma-Razo e Bergantiños), o luns 11 de novembro (Artai e Gándara-Sofán) e o martes 12 de novembro (CRA Ponte da Pedra).
Outras propostas para a rapazada
Dende as Bibliotecas de Carballo este curso lévanse a cabo visitas e propostas culturais para o alumnado dos distintos ciclos coa finalidade de que coñezan todos os recursos que teñen á súa disposición.
A vindeira semana, de feito, as nosas bibliotecas acollerán tres novas actividades do programa Ler Conta Moito. O luns 14 teremos na Ludoteca Municipal o espectáculo “Onde está o vento”, de Animar-T, destinado a nenos e nenas de 1 a 3 anos. O mércores 16 Ernesto Is achegará á rapazada de 4 a 11 anos, tamén na ludoteca, as “Historias sorprendentes para nenos e nenas diferentes”, e o xoves 17 recibiremos na Biblioteca Rego da Balsa a Peripeciencia Colectivo m=!!! cunha proposta para nenos e nenas de 7 a 12 anos, Be water! Nos tres casos é preciso reservar convite previamente.