DO 5 AO 8 DE XULLO NO XARDÍN MUNICIPAL
Sés, Manolo Rivas, Pedro Feijoo, Enma Pedreira, Eli Ríos e moitos máis nomes da cultura galega estarán na Praza dos Libros
O alcalde de Carballo agradece a implicación das librarías e da Fundación Luis Calvo Sanz para fomentar un hábito que nos fai libres
Xoves 28 de xuño do 2018 Cultura
![](../media/img/28062018_praza_libros_3_800x460.jpg)
No mesmo espazo que ocupaban ata antonte os postos máis sabedores das festas de San Xoán atoparemos a partir do xoves 5 outro tipo de alimentos, que ademais de cubrir as necesidades do corpo cobren tamén as da alma. Atún, pan, libros, música e artes plásticas integran o menú da Feira da Creatividade Cultural de Carballo, ou, o que é o mesmo, a Praza dos Libros. E para preparalo contaremos con algunhas das mellores cociñeiras e algúns dos mellores cociñeiros da cultura galega: Manolo Rivas, Pedro Feijoo, Enma Pedreira, Eli Ríos, Pablo Díaz, Anxo Moure, Paco Nogueiras, Miro Villar, Anair Rodríguez, Mamá Cabra, Milladoiro, Sés... Sen esquecer a restauradores da casa coma Xan Fraga, Rosalía Fernández Rial, Héctor Pose, Selina Otero, Beatriz Fraga ou Mercedes Queixas.
Para que non perdades detalle do programa que desvelou hoxe o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, podedes descargalo máis abaixo ou recollelo impreso en edificios municipais coma o Pazo da Cultura, a Casa do Concello ou as bibliotecas. E ide reservando espazo nas axendas entre o 5 e o 8 de xullo, porque van ser catro días cheos de actividades, a cada cal máis interesante.
![](../media/img/28062018_praza_libros_2_800x460.jpg)
O Concello de Carballo conta coa colaboración de libreiros/as e da Fundación Luis Calvo Sanz, que tamén estiveron representados hoxe na presentación que se realizou co mellor decorado que podiamos ter de fondo, o mercado da Praza do Concello, porque tamén a vindeira semana os libros convivirán coas feiras do xoves e o domingo.
9 librarías
Nesa primeira xornada do día 5, na que contaremos con Sés coma pregoeira, todas as persoas que merquen un libro en calquera das 9 casetas (Á lus do candil, Brañas Verdes, Demo, Ler, Punto e Coma, Roget, Phottic, Teldy e Trasgo) serán agasalladas cunha lata de atún. En principio están preparadas 250, pero, como sinalou o presidente da Fundación Luis Calvo Sanz, Luciano Calvo, “oxalá que se vendan bastantes máis, que por falta de atún non vai ser”. Os libreiros e as libreiras agradeceron a colaboración da fundación e a iniciativa do Concello de Carballo, e expresaron, por boca de Ramón Tasende, o seu desexo de que esta madrugadora feira medre do mesmo xeito que a participación do sector.
“Creo que estamos case en cifra récord de librarías participantes”, apuntou ao respecto Evencio Ferrero, o que demostra, desde o seu punto de vista, que o Concello de Carballo acertou cando apostou por un formato propio coma o da Praza dos Libros. Ao final, o obxectivo, dixo, é a promoción da lectura. “A lectura fainos libres, e polo tanto que a xente lendo aprenda a construír o futuro, a crear os seus soños, a convivir e a trazar amizades, incluso amizades de ilusión e de fantasía. Todo isto non sería posible sen as librerías e sen a colaboración da Fundación Luis Calvo Sanz”, indicou o alcalde, ademais de desexar que esta Praza dos Libros e o Verán Cultural que tamén está a chamar á porta “sirvan para reforzar a imaxe e o bo nome de Carballo”.