Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

Carballo toma a dianteira na oferta cultural galega con preto de 20 propostas do máis alto nivel para os Venres Culturais

Hoxe tivo lugar a presentación dun programa que inclúe producións teatrais de estrea, rock, pop, arte, espectáculos infantís... e moito máis!

Mércores 25 de xaneiro do 2017

Dende febreiro ata abril Carballo vai ser unha zona en obras. Pero non só pola gran cantidade de intervencións urbanísticas que se están a levar a cabo, senón tamén por outro tipo de obras que teñen máis que ver coa construción dunha conciencia cidadá baseada na creación artística. Porque, como sinalou Evencio Ferrero, “un pobo non se articula só en urbanismo, e de feito se hoxe Carballo é máis pobo tamén o é porque ten un festival coma o FIOT ou como o Rexenera Fest, ou unha programación coma a dos Venres Culturais. A creación artística –engadiu o alcalde- tamén forma parte do ideario dun pobo”.

Así, o Concello de Carballo toma, unha vez máis, a dianteira na oferta cultural galega, desta volta con preto de 20 propostas do máis alto nivel para os Venres Culturais. Teatro, rock, arte, espectáculos infantís... integran o programa que presentou hoxe a Concellería de Cultura, nun escenario “en obras” no que se deron cita, ademais do alcalde, o concelleiro de Deporte e Cultura, Marcos Trigo; o director de Agadic, Jacobo Sutil; o director de Producións Teatrais Excéntricas, Quico Cadaval, e o actor e director de Talía Teatro, Artur Trillo. A imaxe da cartelería, dun escenario cultural en obras e, polo tanto, en proceso de mellora e transformación permanente, trasladouse ao propio acto de presentación.

Na axenda dos carballeses e as carballesas haberá polo menos unha cita por semana de aquí á Semana Santa, e iso sen contar a programación de Entroido. Esa estabilidade na programación, que este ano inclúe 3 espectáculos infantís do ciclo En Familia, 5 de teatro de adultos, 3 concertos, 5 exposicións e outras actividades en colaboración con entidades, trasládase á boa acollida que ano tras ano están a recibir os Venres Culturais. O ano pasado, tal como indicou Marcos Trigo, acadáronse os 3.000 espectadores, unha cifra que non é froito da casualidade, senón dunha programación “ampla, variada e de calidade” que está contribuíndo a que “Carballo siga sendo un punto de encontro e referente comarcal”, sinalou o concelleiro.

Novidades teatrais

E proba de que Carballo xa é un referente son as novidades teatrais galegas que se van presentar nos Venres Culturais, tres delas aínda sen estrear neste momento. “Ubú Rei”, de Talía Teatro, un espectáculo “de gran formato” que o seu director, Artur Trillo, cualificou coma “unha comedia ácida, sen pelos na lingua”; “A cabeza do dragón”, de Producións Teatrais Excéntricas, que se converte na primeira versión galega do texto de Valle-Inclán, “porque os cidadáns tamén tiñan dereito a escoitar a obra na nosa lingua”, explicou Quico Cadaval, e “Soño dunha noite de verán”, a comedia máis popular de Shakespeare interpretada pola compañía Voadora. Pero Carballo non é só unha referencia para as compañías de teatro, senón tamén para o propio Agadic. O seu director, Jacobo Sutil, destacou, por exemplo, que é un dos poucos concellos que programa danza.

Pero se a oferta teatral é ampla e variada, a musical non o é menos. O programa dos Venres Cultuais traerá a Carballo o proxecto indie de Alonso Caxade, o rock británico de Peter Bruntell e os estilos tan diferentes dos grupos locais no Rockarballo.

Malia ser unha oferta de calidade, o Concello de Carballo quere que todo o mundo teña acceso á cultura, e por iso as entradas teñen prezos moi axustados: entre 2 e 5 euros (poderán reservarse dende 15 días antes da celebración de cada espectáculo). Tamén haberá bonos para sete espectáculos a 21 € (16 € para estudantes con carné, maiores de 65 anos e menores de 12).

Podedes consultar a programación completa na ligazón.

Descargas

Compartir: