Xornada de recollida de fotos antigas para "Carballo na memoria"
Sábado 29 de marzo do 2025 11.00 horas - Centro social de Razo Participación veciñal

O proxecto Carballo na memoria toma impulso de novo para seguir recuperando, catalogando e protexendo todo tipo de material fotográfico, audiovisual e mesmo sonoro que forman parte da nosa historia. Para iso é imprescindible a túa colaboración, porque só a través das achegas veciñais é posible ir completando a colección de recordos individuais co que queremos crear un gran álbum colectivo.
Así que anímate a ir sacando esas fotos vellas que tes no caixón para que pasen a formar parte do patrimonio de todas e todos. Este sábado 29 de marzo temos unha cita na parroquia de Razo. Todas as persoas que o desexen poderán achegarse desde calquera lugar de dentro ou fóra do concello para compartir os seus recordos. Se tes fotos, escanearanse e documentaranse no mesmo momento e levaralas de volta para a casa. Se tes gravacións de vídeo ou son, o proceso é máis complexo, pero tamén se fará copia e devolveráseche o orixinal nun prazo breve.
O traballo de recompilación realizarase a partir das 11.00 horas no centro social, e estenderase ao longo do día o tempo que sexa preciso en función das achegas.
Carballo na memoria é un proxecto fundamentalmente social que se fará máis e máis grande a partir da participación das carballesas e dos carballeses. Pretende non só recuperar a memoria fotográfica da capital de Bergantiños, senón tamén darlle valor engadido a través da publicación das imaxes nunha nova páxina web que estamos a elaborar. Colabora!