Charla para mulleres con motivo do Día Mundial da Menopausia
Venres 18 de outubro do 2024 19.30 horas - Biblioteca Rego da Balsa Benestar
O 18 de outubro celébrase o Día Mundial da Menopausia, unha data establecida pola Sociedade Internacional da Menopausia e a Organización Mundial da Saúde para axudar a crear conciencia sobre a necesidade de prestar atención á saúde das mulleres e previr as enfermidades máis frecuentes nesta etapa da súa vida. Segundo a OMS, dentro de trinta anos haberá máis de 1.000 millóns de mulleres maiores de cincuenta anos, o triplo que no 1990.
O Concello de Carballo e o equipo multidisciplinar do centro de saúde que imparte os talleres sobre menopausia están a colaborar con distintas propostas, como unha guía de recursos elaborada polas nosas bibliotecas, que podes descargar máis abaixo, ou a charla coloquio que se vai levar a cabo este venres 18 na Biblioteca Rego da Balsa.
A proposta vai dirixida a mulleres de 40 a 65 anos, coas que falaremos sobre os coidados neste etapa, a saúde sexual, a nutrición, o exercicio físico ou a autoestima, pero na que sobre todo se trata de compartir experiencias e resolver dúbidas. Para iso contaremos con Yolanda Rodríguez Vieira, especialista en Familia e Comunitaria; Patricia Coego García, matrona, e Susana Rodríguez Costa, nutricionista, que integran o equipo multidisciplinar do centro de saúde de Carballo.
A entrada é libre e de balde ata completar a capacidade do auditorio.