Inicio Carballo ao día Axenda Participa nas actividades da Semana Europea da...

Participa nas actividades da Semana Europea da Mobilidade

Do luns 16 de setembro ata o domingo 22 de setembro do 2024 Rúas de Carballo

LUNS

A Semana Europea da Mobilidade celébrase todos os anos do 16 ao 22 de setembro, así que neste 2024 vai ser de luns a domingo. Comezaremos con forza, xa que na primeira xornada teremos, coa colaboración do Club Ciclista Carballo e a Policía Local, un circuíto de seguridade viaria para nenos e nenas na Praza do Concello, onde tamén poderán divertirse e aprender co xogo de mesa Cicl-Ando Carballo. O primeiro día será tamén a xa tradicional ruta guiada por Senda Nova polo treito menos urbano da Ruta dos Muíños do Pan, e unha ruta urbana en bicicleta para todas as idades.

MARTES

Unha das novidades deste ano chegará o martes 17. Grazas á colaboración de María Vilanova, investigadora da Facultade de Fisioterapia da UDC, celebraremos unha xornada de iniciación á marcha nórdica. Para as primeiras 20 persoas inscritas haberá bastóns dispoñibles, pero aqueloutras que xa dispoñan deles e queiran sumarse non terán máis que achegarse ata o punto de encontro, no acceso ao Bosque desde A Lagoa, para participar na marcha.

MÉRCORES

Por segundo ano consecutivo, en coordinación co Servizo de Normalización Lingüística, o mércores celebrarase un obradoiro de seguridade viaria con Apego, destinado a nenos e nenas de ata 6 anos de idade. O obxectivo é que os peques empecen a familiarizarse coa mobilidade sostible e segura, e por iso, coa colaboración do Club Ciclista Carballo, instalaremos un circuíto para correcamiños, bicicletas e todo tipo de vehículos infantís na planta alta do mercado municipal. As familias interesadas deben inscribirse enviando un correo electrónico a snl@carballo.gal. Ese mesmo día realizarase unha das numerosas andainas incluídas no programa. Neste caso será unha ruta urbana para todas as idades.

XOVES

O xoves sairemos para percorrer a microtoponimia urbana con Fernando Cabeza Quiles. Como xa é costume na SEM, tanto o xoves coma o domingo haberá un agasallo para as persoas que se acheguen en bici ata o mercado municipal.

VENRES

O venres estrearemos a Liña 2 do trolebús literario de Carballo noutra saída a pé guiada por Hadrián García. Outro clásico que non falla é a colaboración da asociación Íntegro, que o día 20 ofreceranos dúas actividades: pola mañá, unha campaña de sensibilización sobre as prazas de aparcamento reservadas para persoas con mobilidade reducida, e pola tarde, unha actividade con cadeiras de rodas e outros apoios técnicos aberta a toda a cidadanía. Pero tamén hai, como podedes comprobar, moitas novidades, sobre todo para os/as peques. Entre elas, o espectáculo circense Soños encantadosda Fundación teatral Tchyminigagua, o venres pola tarde.

SÁBADO

Outra novidade son as actividades do programa Come rico, vive san, que nos achegará Vegalsa ao longo da mañá do sábado. Este mesmo día iremos con Xabier Maceiras pola costa, da Pedra do Sal a Razo, para coñecer os Contos mariños de Carballo. Neste caso as prazas xa están completas.

DOMINGO

O 22 de setembro é o Día sen coches en toda Europa, e en Carballo sumámonos tamén cunha xornada na que cambiaremos os vehículos a motor por bicicletas, patinetes, triciclos... e tamén xogos, en distintas rúas urbanas. Coa colaboración da veciñanza converteremos a rúa Mahón nunha pista de xogos, e por primeira vez pecharemos tamén a rúa Costa Rica para prolongar o Parque do Hospital. Pola tarde sumaranse ao peche as rúas Valle-Inclán, Concepción Arenal e Cervantes, para acoller unha sesión de xogos populares con monitorado. O domingo tamén se celebrará a clásica ruta en bicicleta Carballo-Razo-Carballo polas sendas do proxecto Cicl-Ando.

Nalgunhas das actividades requírese inscrición previa por motivos organizativos. O prazo está aberto xa. Atoparedes o formulario máis abaixo.

Ligazóns

Descargas

Compartir:


- 2024 +
- Novembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
1
2
29
30