Inicio Carballo ao día Axenda Fin de semana de estrea e de contos no FIOT

Fin de semana de estrea e de contos no FIOT

Do venres 4 de outubro ata o domingo 6 de outubro do 2024 Consultar horarios e espazos Cultura

A Praza do Concello de Carballo será testemuña a tarde deste venres, 4 de outubro, da función para toda a familia da compañía Pedras de Cartón ‘Moby Dick’. Ismael, un mozo que embarca nunha baleeira para enfrontarse a perigosas aventuras, atoparase cunha balea, un enorme cachalote de tres metros. ‘Moby Dick’ é unha adaptación libre e esteticamente espectacular da obra clásica de Herman Melville. Montado sobre un triciclo autónomo, a figura deste animal mariño moverá o seu corpo, abrirá e pechará os ollos, e incluso expulsará auga, creando un xogo dinámico e interactivo co público. Pedras de Cartón presenta o seu novo espectáculo de rúa, sen apenas palabras, onde a comedia e unha posta en escena impresionante capturan a esencia dunha historia que atrapa a toda a familia. A compañía é recoñecida pola adaptación de clásicos da literatura ás novas linguaxes e estéticas, para achegar o teatro clásico aos máis novos, polo que obtiveron a Mención Especial no Festival de Almagro e varios nomeamentos aos Premios María Casares.

Esta fin de semana, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, inaugura o seu Programa de Sala coa estrea absoluta de ‘Mulleres que viven soas #MQVS’, o sábado 5 de outubro, ás 20.00h, no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo.Neste 2024, o FIOT establece unha alianza con Berrobambán, unha das compañías máis consolidadas do panorama galego, para esta estrea na que se integran dous dos eixos constantes do noso festival, a narración oral e a temática feminina. A autora da obra é Paula Carballeira, Xograresa de Outono do FIOT, que recentemente sumou aos seus numerosos galardóns o Premio Nacional de Literatura Dramática.

Rúa dos Contos

Pola súa banda, a Rúa dos Contos regresa aos bares de Carballo este mesmo venres, cunha dobre sesión: 

Contos entre cordas
 (ás 21.00h no Casino 1889): Como reunir nun palco a unha narradora galega e a unha arpista francesa? Cal é a relación entre Claude Debussy e San Andrés de Teixido? O vínculo entre as rosquillas e a música romántica, entre a tradición oral galega e o repertorio da arpa clásica, entre os contos e as cordas. Percorreremos un mesmo camiño na busca dun lugar común entre as nosas dúas formas de expresión. Entre a palabra de María da Pontragha, antropóloga e contadora de historias que sempre pon o acento na cultura das xentes de aldea como parte do realismo máxico da Pontragha, e a música de Bleuenn Le Friec, recoñecida arpista bretoa e galega de adopción.

Instruccións para tomar café (ás 23.00h, no Cafe Colón): Retratos debuxados con humor e retranca onde a bondade e a mesquindade, o éxito e o fracaso, o real e o imaxinado conviven en perfecta desharmonía. Esta escolma de historias que falan de nós, os humanos imperfectos que somos, está inspirada nos relatos de Instrucións para tomar café de Manuel Núñez Singala. O contador de historias Carlos Rebolo, que leva anos arrincando sorrisos e reflexionando desde o escenario, estrea na nosa Rúa dos Contos o seu novo espectáculo, disposto a facernos rir de nós mesmos e reflexionar sobre a vida ou, polo menos, sobre como tomar café.

A terceira cita da fin de semana coa Rúa dos Contos será mañá, sábado 5, cun concerto de Carta de Axuste, onde tocarán a xeito de parodia O mellor e peor dos 80 e 90 (ás 23.00h, na Taberna O Patacón).

Domingo

Finalmente, da man de Camiño Escena Norte, o FIOT33 acollerá, o domingo 6 de outubro, ás 20.00h, no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo, a función de Estefanía de Paz Asín ‘Olvido Flores’, dentro do OTNI (Obxecto Teatral non Identificado), coas últimas entradas dispoñibles a través da plataforma Atquilla: 
https://entradas.ataquilla.com/es/ventaentradas/default_category/537-salon-de-actos-do-pazo-da-cultura/x3agfrfg-33-fiot-carballo-otni-estefania-de-paz-asin-olvido-flores 

En xullo de 1936 o Circo Anastasini chega a Lodosa, en Navarra, e os seus membros desaparecen sen deixar rastro. Din que algúns foron fusilados e que o resto se viron obrigados a entreter á tropa. ‘Olvido Flores’ conta unha historia de amarga beleza, poesía, circo e guerra; unha homenaxe á memoria e ao recordo. Estefanía de Paz rescata relatos que cobran vida a través de obxectos convertidos en personaxes que contan o que pasou naquela escura noite, iluminando a súa historia, a nosa historia. A intérprete e creadora é unha artista multidisciplinar que combina o seu traballo con outras compañías coas súas creacións propias.

Bonos e entradas

Os bonos do programa de sala estarán dispoñibles ata este venres 4 ás 23.59 h. O sábado 5 ás 12.00 h poñeranse á venda en Ataquilla as localidades que quedaran sen adquirir para as 8 funcións de sala.

Compartir:


- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31