Inicio Carballo ao día Axenda Álex Chilton protagoniza o último...

Álex Chilton protagoniza o último Curruncho Pop da temporada

Sábado 25 de maio do 2024 19.30 e 20.30 horas - Biblioteca Rego da Balsa Lingua

A Biblioteca Rego da Balsa acolle o último concerto por este ano do Curruncho Pop, un ciclo de música alternativa organizado pola Concellaría de Bibliotecas e que acada a súa oitava edición consolidado como unha referencia cultural novedosa e orixinal na cal as propostas musicais, en ocasións en formato inédito, xiran arredor dun referente literario.

O programa é o seguinte:

  • 19:30 h Presentación do libro ‘Algo muy dentro de Álex Chilton’ de Marce Moreno, con Marce Moreno e Antonio J. Moreno
  • 20:30 h Concerto de Os Chiltons (Germán Salto, Ángel Kaplan, Carlos Rego, Dani Alonso e Aser Álvarez).

‘Algo muy dentro de Álex Chilton’ era un libro imprescindible para os analfabetos en inglés e amantes do POP, así, en maiúsculas, porque ata agora só existía unha biografía sobre Alex Chilton, e editada nos USA. Alex Chilton, non demasiado coñecido para a maioría, foi un cantante e compositor americano que encetou a súa carreira a finais dos sesenta con un grupo chamado THE BOX TOPS que triunfou con The letter, canción allea, pero que eles levaron ao cumio das listas. Foron quizais dos primeiros representantes do blue-eyed soul, e no seu repertorio convivían algunhas cancións propias, algunhas versións, e composicións escritas para eles por compositores e productores da altura de Dan Penn e Spooner Oldham, autores tamén de éxitos para Aretha Franklin e outros cantantes de soul.

A seguinte parada foi BIG STAR, seguramente un dos grupos mais infravalorados no seu momento, banda marabillosa e adorada a día de hoxe por case calquera afeccionado ao pop. Aquí, en BIG STAR, agás no primeiro disco, no que compartiu composicións con outro dos membros, o tamén moi talentoso Chris Bell, xa foi Alex Chilton o responsable das composicións, e do son do grupo. A súa canción máis representativa e famosa foi September Gurls, versionada infinitas veces e por infinita cantidade de grupos.

Desilusionados polo nulo éxito do grupo, disolvérono a finais do 1974. A continuación, Chilton comezou unha interesantísima e prolífica carreira en solitario, con altos e baixos, sen éxito masivo, pero plena de traballos sempre notables nos que conviven diversos estilos, e que reflicten a súa enorme cantidade de rexistros e de dominio dos mesmos. A súa crecente reputación levouno incluso á produción de grupos, entre outros dos Vancouvers, grupo Español dos anos 90. Ao final o recoñecemento chegou, quizais non o do público masivo, mais si o dun gran número de fans e, sobre todo, do resto da profesión.

Para ilustrarnos musicalmente, xuntamos nesta ocasión a Tesouro acompañados por Germán Salto e por Angel Kaplan (OS CHILTONS), todos expertos no repertorio de Chilton e fondamente coñecedores da súa carreira. 

Compartir:


- 2024 +
- Xullo +
L
M
M
X
V
S
D