Chega a Carballo a exposición "A camelia na provincia da Coruña"
Do xoves 30 de novembro ata o domingo 10 de decembro do 2023 11.00 a 14.00 e 16.00 a 18.30 horas - Rúa Colón Cultura
Despois de recibir 3 flores de honra no certame anual “Vilas en flor”, Carballo abre as súas portas á exposición itinerante A camelia na provincia da Coruña, dedicada a unha flor que non só enche de cor os nosos invernos, senón que ten unha gran beleza e unha riqueza botánica pouco valorada. Porque non hai casa que non teña polo menos unha planta de camelia, e aínda así é unha gran descoñecida.
Para que todas e todos saibamos moitas cousas sobre a camelia, desde o 30 de novembro ata o 10 de decembro teremos ao noso alcance na Praza do Concello unha exposición que consta de varios tótems con información e imaxes sobre a camelia, fotografías en gran formato de personaxes da provincia portando a flor, información sobre a ruta da camelia de Galicia... e nese paseo visual, tamén atoparemos decoración natural a base de plantas de camelia.
Ademais, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.30 horas estará aberta unha caseta onde poderás recibir información por parte do persoal da Sociedade Española da Camelia: cultivos e coidados, rutas turísticas, información de asociacións da camelia, exposición de produtos derivados da camelia e consulta de publicacións.
A exposición será inaugurada o día 30, ás 12.00 horas. No acto participarán Carmen Salinero Corral, presidenta da Sociedad Española de la Camelia; Xosé Regueira, concelleiro e vicepresidente da Deputación da Coruña, e Evencio Ferrero, alcalde de Carballo.