A cantautora Antía Muíño, no Verán Cultural
Venres 28 de xullo do 2023 22.30 horas - Praza do Concello Cultura
Antía Muíño é unha cantautora galega que, tras anos de militar en diferentes proxectos que basculan entre o folk, a canción de autor máis intimista, o jazz ou a bossa nova, firma co seu propio nome un proxecto que segue bebendo destas fontes, pero agora a soas coa súa guitarra. Herdanza da canción acústica, espida e descarnada. A súa singularísima voz dialoga con matices que van desde a canción jazz á bossa con acento galego ou o folk-pop occidental, tan preto do Río Miño como das beiras do Mississippi.
Vén de publicar o seu primeiro traballo, Carta aberta, con gran éxito de escoitas e que chegou a formar parte dalgunhas das listas máis importantes da industria dixital e polo que acadou o galardón á mellor artista emerxente nos Premios Martín Códax 2022.