Inauguración da exposición retrospectiva "30 fitos do FIOT"
Mércores 13 de outubro do 2021 20.00 horas - Pazo da Cultura Cultura
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo celebra mañá, mércores 13 de outubro, o acto de apertura dunha das propostas máis emotivas do seu 30º aniversario: 30 fitos do FIOT, unha exposición que percorre a traxectoria do certame bergantiñán ao longo destas tres décadas de actividade escénica.
O acto, que comezará ás 20.00 horas, contará coa participación do director do FIOT, Alberto Sueiro, o concelleiro de Cultura de Carballo, Marcos Trigo, e membros do equipo promotor do FIOT, e voluntariado; ademais de membros da AC Telón e Aparte, impulsora do certame xunto ao Concello de Carballo.
0 fitos do FIOT é un percorrido informativo e emocional pola historia do festival. O seu nacemento, o compromiso co teatro galego, a chegada da primeira rexedora a Carballo, a despedida de Xosé Manuel Eirís, o paso do cine Rega ao Pazo da Cultura, as noites de Rúa Chea, a súa internacionalización, os Premios do Público... Un bo feixe de lembranzas recollidas en 30 fitos únicos seleccionados por quen mellor coñece o festival: a súa organización. O equipo promotor do FIOT30 acompáñase nesta aventura dunha das súas voluntarias, Beatriz Cortizas, a quen lle correspondeu o deseño expositivo da exhibición.