Inicio Carballo ao día Axenda O xornalista Camilo Franco falará de...

O xornalista Camilo Franco falará de "teatro documental" na Escola do Espectador

Sábado 19 de outubro do 2019 De 12:00 a 13:00 horas - A Barra Bar Cultura

Aprender a mirar, aprender a ver! A Escola do espectador do FIOT é unha iniciativa que se dirixe aos amantes do teatro que queiran ampliar a súa mirada. Outro xeito de achegarse ao feito teatral para os espectadores aos que non lles basta con quedarse na súa butaca.

Con esta Escola, o FIOT pretende achegar as claves que faciliten a comprensión e a análise dos espectáculos, reparando nos distintos discursos que ten unha función de teatro: o textual, o xestual, o lumínico, a dirección, a interpretación.

Acompañadas dun vermú e un aperitivo, as persoas asistentes poderán escoitar todos os sábados deste mes a visión do xornalista e crítico teatral Camilo Franco, co que poderán intercambiar opinións sobre os espectáculos que configuran este festival, centrándose nas consecuencias da crise no teatro e no incremento das obras de carácter social.

Despois de expoñer e reflexionar arredor do concepto de crise ou de realismo e realidade nas dúas anteriores sesións, a escola achegarase nesta quenda ao teatro documental, “o teatro que garda unha maior relación coa realidade”, segundo apunta Camilo Franco. En cada sesión abórdase unha cuestión particular sobre o teatro político ou social, e como este se foi adaptando á última crise, a través dunha pequena intervención inicial e un coloquio aberto a todas e todos os asistentes. A última “clase” deste ano, prevista para o día 26, levará por título “Vida común. Memoria e confesións”.

A Escola do Espectador é unha actividade libre e gratuíta, que non require inscrición previa, pero se o desexas, podes enviarnos un correo electrónico a fiot@fiot.gal para saber que contamos coa túa presenza e agardarte co vermú enriba da mesa para falar sobre teatro.

Organiza: Ac Telón e Aparte
Colabora: Concello de Carballo

Programación FIOT28 (Actividades paralelas)

Compartir:


- 2019 +
- Outubro +
L
M
M
X
V
S
D
 
2
31