Contos clásicos a ritmo de rock e blues con Luis Vallecillo
Mércores 22 de maio do 2019 18:00 horas - Biblioteca Rego da Balsa Cultura
O músico e titiriteiro Luis Vallecillo ofrecerá un concerto de contos clásicos reconvertidos en divertidas cancións con aire pop, rock e blues en lingua galega para goce dos pequenos/as da casa. "Cantamos?", que así se chama o espectáculo, é tamén o nome do audio-libro, editado en setembro de 2018, no que mestura contos, cancións e pictogramas para estimular a imaxinación dos lectores/as. Un lúdico e educativo traballo que contou tamén coa colaboración da actriz e dramaturga Celtia Figueiras, a ilustradora Blanca Millán e os arranxos musicais de Pablo Pérez.
Sinopse: Rosi e Luis convídante a xogar, cantar e descubrir un mundo de fantasía no que todo é posible. Un espectáculo cheo de emocións, con contos que son cancións e música para xogar, bailar, cantar e soñar. Anímaste a formar parte do seu coro? Pois non esquezas recoller previamente o teu convite.
Público: A partir de 3 anos
Entrada: Libre e de balde. Imprescindible recoller convite
Organiza: Concellería de Cultura