Un ano máis a arte e a creatividade atopan en Carballo o seu espazo no programa Cultura con Forza. Máis de 25 propostas de teatro, música, cinema, danza ou fotografía cunha oferta diversa dirixida a públicos heteroxéneos, alternando entre estilos e mesmo disciplinas artísticas. A escena galega é a protagonista, pero con oco para destacadas producións chegadas de alén das nosas fronteiras, sempre baixo a premisa da calidade. Grupos profesionais con traxectorias distintas, consolidadas ou máis emerxentes, pero sempre cos últimos espectáculos do panorama artístico e cultural. Con forza para proxectar Carballo como referencia cultural e coa abundancia e pulo para que gocemos da nosa cultura.
O alcalde, Daniel Pérez; a concelleira de Cultura e Festas, Maruxa Suárez, e o director da Agadic, Jacobo Sutil, presentaron o programa, que integra varios ciclos de longa traxectoria que se desenvolverán no Pazo da Cultura: os Venres Culturais, a Mostra de Cine euroárabe Amal en Ruta, Primavera enDanza, exposicións ou o encontro para amantes da fotografía e da imaxe A través da lente.
En total son:
- 5 longametraxes de Amal en Ruta,
- 1 espectáculo pertencente ao FIOT 2025
- Venres Culturais con 6 espectáculos de teatro para adultos e 2 espectáculos do ciclo En Familia
- 5 espectáculos en Primavera enDanza (un deles do ciclo En Familia)
- 1 concerto en maio
- 2 exposicións
- 4 citas A través da lente
Cultura con Forza comeza o venres 30 de xaneiro co Ciclo de cine euroárabe Amal en ruta, que xa leva moitos anos visitando a nosa vila grazas á colaboración coa Fundación Araguaney-Puente de Culturas. A mostra plasma a realidade do mundo árabe a través do cinema, desta volta a través de cinco longametraxes (catro documentais e un de ficción). Agrupados baixo o lema “Todos somos Palestina”, definen os conceptos clave para comprender a realidade histórica e contemporánea do país.
No eido teatral, o programa arrinca cun espectáculo pertencente ao FIOT 2025. Así, o festival retoma o venres 6 de febreiro a estrea absoluta de Territorio Regueifa, unha coprodución de Ainé, o CDG-Salón Teatro e o propio FIOT. Unha peza que tivo que ser cancelada o pasado mes de outubro por causas de forza maior, pero que agora por fin pisará o escenario do Pazo da Cultura. Improvisación, humor, música e o espíritu festivo propio da regueifa protagonizan un espectáculo total guiado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira.
Venres Culturais
Despois do Entroido arrincan os Venres Culturais, que levan máis de vinte anos en marcha en Carballo. Encherán de teatro as fins de semana entre o 21 de febreiro e o 29 de marzo. Son un total de oito espectáculos: seis de teatro para adultos e dous para público familiar. Contraproducións e o Centro Dramátigo Galego estrean o programa cunha nova versión do clásico libro de Xosé Neira Vilas, Memorias dun neno labrego, coa experiencia de Cándido Pazó como autor, actor e director. Así mesmo, volve a Carballo da man de Butacazero a recoñecida Iribarne. Despois do enorme éxito obtido no FIOT en 2024, aclamada como unha das grandes montaxes do teatro galego e triunfadora nos Premios María Casares, regresan ao Pazo da Cultura na súa xira de despedida. Estas dúas funcións serán en sábado como unha excepción á tónica xeral do programa debido á dispoñibilidade das compañías.
Co gallo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, Iria Pinheiro presenta Vitória, un espectáculo de teatro documental sobre a denuncia que presentou por acoso contada en clave de cabaré. Malasombra trae á escena carballesa O proceso, unha peza creada e dirixida por Cándido Pazó, que este ano aparece no programa por partida dobre, en ton de sainete cómico baseada nunha denuncia que o bispo de Ourense interpuxo contra Curros Enríquez por uns poemas do seu libro Aires da miña terra. Carlos Blanco trae o humor ao programa con A penúltima: historias novas e vellas que reflicten a retranca e o sarcasmo característicos deste actor galego. Sarabela Teatro pecha a presenza do teatro para adultos nos Venres Culturais con O dragón de ouro, unha peza do autor alemán vivo máis representado internacionalmente, Roland Schimmelpfenning, que recibiu no seu momento catro premios María Casares e que estivo en cartel varias semanas en Madrid con grande éxito de público e crítica.
O programa tamén ofrece dúas pezas para público familiar. Por un lado cunha compañía ben coñecida para o público carballés como é Talía Teatro, que presenta Voa, voa! Un espectáculo para incentivar a xogar coas pequenas rimas dos ditos populares que perduran xeración tras xeración. Por outro. con Os Náufragos Teatro e Bulebule, a historia dunha nena que ten Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade (TDAH) e que soña con ser patroa dun barco e vivir moitas aventuras.
Primavera enDanza e máis…
Xa no mes de abril volve un dos escasos ciclos estables de danza contemporánea en Galicia, o festival Primavera enDanza, que cumpre xa vintecatro anos. Cinco compañías para catro espectáculos dirixidos a público adulto e un para público familiar entre o venres 17 e o xoves 30 de abril. Kirenia Danza, Amarelo Cía, Colectivo Glovo, Fran Sieira e Daniel Doña desde Andalucía traerán pezas cheas de emoción que reflexionan sobre temas tan interesantes como o envellecemento, o deterioro do corpo e o paso do tempo, a amizade e a igualdade, as raíces da tradición, a linguaxe de vangarda ou a fusión da danza contemporánea e o flamenco.
No mes de maio, a Concellaría de Cultura ofrece un concerto moi especial: Voces e pegadas de Rosalía de Castro, a cargo do cantautor berciano Amancio Prada. Unha cita que conmemora os cincuenta anos dun dos álbumes máis emblemáticos na historia da música galega e española, dedicado a Rosalía e rescatando poemas tan emblemáticos como Adiós ríos, adiós fontes ou Campanas de Bastabales.
No apartado de Exposicións contaremos con dúas propostas moi diferentes. O carballés maís ilustre atopará o seu oco coa mostra Alfredo Brañas Menéndez XIX-XXI. 125 anos do seu pasamento. Unha ollada á figura e obra do intectual rexionalista con atención ao seu papel no Rexurdimento e á historia da súa época. E ademais, contaremos coa exposición conformada pola selección das obras presentadas ao XXVIII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, un concurso anual que contribúe ao fomento e á divulgación da fotografía. Este ano contará de novo cunha visita guiada a cargo do fotógrafo profesional Ángel Cordero.
Para rematar, hai que mencionar as citas A Través da Lente, un encontro para os e as amantes da fotografía e da imaxe que ademáis de desenvolver o XXVIII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís que reparte máis de 3.000 euros en premios, contará con dous documentais: Al-Nasr Al Tair e Cardoña fotos a 7 pesetas. O primeiro é un filme encargado polo concello de Carballo nos anos 60, mentres que o segundo está vinculado ao mundo da fotografía. Así mesmo, desenvolverase un curso de fotografía do que se informará no seu momento.
Ademais, a programación inclúe outras propostas como os concertos do Conservatorio Profesional de Música (CMUS), nos que participan diferentes formacións desta entidade como a Big Band, a Orquestra do CMUS ou formacións integradas polo profesorado. Tamén haberá unha ruta guiada en homenaxe a Cándido Alfonso González Tiradas, ou a XIX Semana do Libro e a Lectura a finais de abril. Hai que mencionar así mesmo o ciclo de música Curruncho Pop ou o festival Carballo Interplay.
O programa Cultura con Forza está organizado pola Concellaría de Cultura do Concello de Carballo grazas á colaboración da Rede Galega de Teatros e Auditorios da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) da que forman parte a maior parte dos espectáculos dos Venres Culturais e de Primavera enDanza; e da Deputación da Coruña. Ao programa tamén contribúen o MICE – Museo do Pobo Galego e a Universidade de Santiago de Compostela.
FIOT 2025
- Venres 6 de febreiro – 21.00 horas. FIOT, Ainé, CDG-Salón Teatro (Galicia). Territorio Regueifa. ENTRADAS a partir do xoves 22 de xaneiro: en ataquilla.com | facebook.com/festivalFIOT
VENRES CULTURAIS
- Sábado 21 de febreiro – 20.00 horas. Contraproducións e CDG (Galicia). Memorias dun neno labrego
- Sábado 28 de febreiro – 20.00 horas. Butacazero (Galicia). Iribarne
- Domingo 1 de marzo – 18.00 horas. En familia. Talía Teatro (Galicia). Voa, voa!
- Venres 6 de marzo – 21.00 horas. Iria Pinheiro (Galicia). Vitória
- Venres 13 de marzo – 21.00 horas. Malasombra (Galicia). O proceso
- Venres 20 de marzo – 21.00 horas. Carlos Blanco (Galicia). A penúltima
- Venres 27 de marzo – 21.00 horas. Sarabela Teatro (Galicia). O dragón de ouro
- Domingo 29 de marzo – 18.00 horas. En familia. Os Náufragos Teatro (Galicia). Bulebule
As entradas e bonos para estes espectáculos estaráná venda de xeito anticipado a partir do xoves 29 de xaneiro ás 9.00 horas en <billeteira.carballo.gal>. Tamén será posible a venda directa o mesmo día do espectáculo na billeteira do Pazo da Cultura dende 90 minutos antes de cada actuación.
AMAL EN RUTA
- Venres 30 xaneiro – 20.00 horas. This is Gaza
- xoves 5 de febreiro– 20.00 horas. Janin, Jenin
- Xoves 12 de febreiro – 20.00 horas. The time that remains
- Xoves 19 febreiro – 20.00 horas. Notes on displacement
- Xoves 26 febreiro – 20.00 horas. The encampments
O acceso ás proxeccións é de balde ata completar o aforo.
PRIMAVERA EN DANZA
- Venres 17 abril – 21.00 horas. Kirenia Danza (Galicia).Cicatriz
- Domingo 19 de abril – 18.00 horas. En familia. Amarelo Cía (Galicia). O arcón de Noa
- Venres 24 abril – 21.00 horas. Colectivo Glovo (Galicia). Alén
- Domingo 26 abril – 20.00 horas. Fran Sieira (Galicia). BenQuerer
- Xoves 30 abril – 21.00 horas. Daniel Doña (Andalucía). El verbo
AMANCIO PRADA
- Venres 8 de maio – 21.00 horas. Música. Amancio Prada. Voces e pegadas de Rosalía de Castro
A TRAVÉS DA LENTE
- Xoves 26 de marzo – 20.00 horas. Documental Al-Nasr Al Tair
- Mércores 13 maio – 20.00 horas. Documental Cardoña fotos a 7 pesetas
- Xoves 7 de maio – 20.00 horas. Acto de entrega de premios e inauguración a exposición do XXVIII Certame fotográfico Xosé Manuel Eirís.
- Mércores 20 de maio – 19.30 horas. Visita guiada á mostra do XXVIII Certame fotográfico Xosé Manuel Eirís a cargo de Ángel Cordero.
- Curso de fotografía (+info proximamente)
Todas as citas son de balde.
EXPOSICIÓNS
- Do 12 de marzo ao 12 de abril. Alfredo Brañas Menéndez XIX-XXI. 125 anos do seu pasamento
- Do 7 de maio ao 7 de xuño. XXVIII Certame fotográfico Xosé Manuel Eirís
Todas as exposicións poden verse en horario de 17.00 a 21.00 horas, de luns a sábado.