A web oficial do concello de Carballo

O plan anual de roza e mantemento da rede viaria municipal continúa avanzando polas parroquias

O Concello de Carballo continúa con dúas liñas de actuación diferentes e complementarias para o mantemento da rede viaria municipal: o plan anual de roza e os traballos de conservación, mantemento e reparación.

As actuacións desenvólvense de maneira progresiva polas distintas parroquias, de acordo coa programación establecida e coas necesidades detectadas polos servizos técnicos municipais.

Os equipos encargados do plan anual de roza das vías están a traballar nestes momentos na parroquia de Sísamo. Unha vez rematados estes labores, continuarán por Bértoa e Ardaña e polas zonas altas de Rus e Entrecruces, coas que se completará a programación prevista para este ano.

Estes traballos teñen como finalidade manter limpas as marxes das vías e as gabias, facilitar a drenaxe e mellorar as condicións de visibilidade e seguridade na rede viaria.

Ao mesmo tempo, a empresa Vázquez y Reino continúa executando as actuacións incluídas no contrato municipal de servizos de conservación, mantemento e reparación das vías municipais, adxudicado desde o ano 2023 por un período máximo de catro anos e cun orzamento global de 1,4 millóns de euros.

O contrato abrangue tanto a rede urbana como a rural e permite realizar diferentes tipos de intervención en función do estado e das necesidades de cada vía.

Entre os traballos que se poden acometer figuran a reparación de fochancas, limpeza e apertura de gabias, renovación da capa de rodaxe, fresados, reforzos do firme, pavimentacións, melloras da drenaxe ou reparacións de beirarrúas, sempre seguindo as indicacións dos servizos técnicos municipais.

Neste momento, Vázquez y Reino está a traballar tamén en Sísamo. A programación continuará posteriormente por Goiáns, Cances, Oza, Bértoa e a zona costeira.

O Concello lembra que se trata dunha programación continuada que se vai executando por fases, xa que a rede municipal de vías asfaltadas supera os 600 quilómetros.