A web oficial do concello de Carballo

A píllara de Razo volve ao seu niño cunha nova pel de madeira

A píllara das dunas volve estar en Razo. A emblemática escultura creada polo artesán carballés Fabián Lage regresou hoxe ao seu lugar habitual totalmente renovada e cunha importante novidade: o vimbio que caracterizaba a peza orixinal deixa paso á madeira, un material máis resistente co que se pretende garantir unha maior durabilidade da obra fronte ás esixentes condicións ambientais da primeira liña de costa.

A renovación mantén intacta a estrutura e a esencia dunha peza que, desde a súa instalación no ano 2019, se converteu nun dos símbolos máis recoñecibles do programa municipal Eu quero Razo-Baldaio e, por extensión, da aposta pola protección e posta en valor do litoral carballés.

A primeira píllara naceu precisamente no marco deste programa de sensibilización ambiental. Fabián Lage deseñou e construíu daquela a estrutura de ferro, mentres que a artesá e bióloga Idoia Cuesta dirixiu un obradoiro de cestaría no que veciñas e veciños de diferentes idades participaron na elaboración da cuberta de vimbio.

A escultura tiña desde o primeiro momento unha dobre función. Por unha banda, reproducía a píllara das dunas, unha das aves máis representativas e vulnerables do ecosistema litoral de Razo-Baldaio; pola outra, funcionaba como un gran colector simbólico no que depositar os plásticos recollidos na praia. A mensaxe era clara: coñecer o noso patrimonio natural é o primeiro paso para valoralo e protexelo.

Sete anos despois, a píllara segue transmitindo esa mesma mensaxe, pero estrea unha nova imaxe. Fabián Lage realizou unha renovación integral da escultura substituíndo a antiga cuberta por unha elaborada composición de pezas de madeira que reproduce a plumaxe da ave e reforza ao mesmo tempo a resistencia do conxunto.

O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, destaca que «a píllara xa forma parte da paisaxe de Razo e tamén da memoria de todas as persoas que pasan por aquí cada verán. Renovala é tamén renovar o compromiso que representa: o de coidar un espazo natural extraordinario e especialmente fráxil como é Razo-Baldaio».

A intervención dá continuidade, ademais, á relación de Fabián Lage co programa ambiental municipal. O artesán carballés tamén é autor doutras esculturas vinculadas ao litoral, como o arroaz da Pedra do Sal e a nebria das praias do Castrillón, e no ano 2023 encargouse da restauración das tres pezas.

Da píllara xigante á túa propia píllara

O regreso da escultura coincide, ademais, cunha nova actividade que permitirá achegar a súa historia á cidadanía. Este sábado 22 de agosto, de 11.00 a 13.30 horas, Fabián Lage dirixirá na praia de Razo o obradoiro creativo A túa píllara, no que as persoas participantes poderán elaborar unha reprodución en miniatura da emblemática escultura. As prazas xa están cubertas.

Deste xeito, a píllara que naceu hai sete anos dunha experiencia colectiva volve renovada ao mesmo lugar no que empezou a súa historia. Cambia o vimbio pola madeira, pero conserva a súa razón de ser: lembrarnos que querer Razo-Baldaio tamén significa coñecelo, respectalo e coidalo.