A web oficial do concello de Carballo

Carballo

8,09 Km2

20.711 habitantes (2024)

Casa do Concello

Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo

A vila está acostumada ao bulicio, ao trasfego de xente que merca, vende ou parola na rúa aproveitando que viu a alguén coñecido. Porque Carballo é, sobre todo, unha vila para o encontro.

Quizais un dos mellores lugares para coñecer Carballo sexa o seu mercado. Quizais un dos mellores días, os xoves ou os domingos de feira. Un día de compras na vila é unha boa maneira de mergullarse na súa alma, puramente feirante.

No mercado de abastos, con instalacións modernas recentemente reformadas, atoparás o mellor das terras e do mar da Costa da Morte. Na feira terás unha ampla variedade de produtos dos nosos campos. Na nosa importante rede de pequeno comercio encontrarás un trato servizal e próximo e gran diversidade de oferta.

Podes tomar un respiro nalgunha das nosas terraciñas ou gozar do sabor dos nosos produtos da terra nalgunha das nosas casas de comidas máis coñecidas. E, se tes espírito nocturno, has de vir a Carballo un venres e facer percorrido polos nosos coidados e equipados pubs e locais de ocio.

Aconsellámosche o roteiro urbano que te levará polos principais puntos de interese: o Museo de Bergantiños, o balneario de augas termais que deron orixe a Carballo, a praza de Galicia, a praza do Concello, a nosa arte urbana, na que destacan as esculturas do afamado artista de orixe carballés Manuel Facal… Carballo non sería o mesmo sen o Anllóns, a súa columna vertebral líquida. As súas marxes –máis de sete quilómetros de paseo ida e volta– foron recuperadas en anos recentes.

Novas relacionadas coa parroquia