Carballo estrea imaxe. O Concello presentou este martes 1 de setembro a súa nova identidade corporativa, un redeseño que mantén a continuidade coa marca utilizada ata agora pero que incorpora unha novidade esencial: a silueta do novo Carballo está formada polas follas dos carballos das súas 18 parroquias.
A presentación, celebrada nas Escolas do Xardín Agra de Caldas, enmárcase nos actos conmemorativos do 190 aniversario da constitución do Concello e contou coa participación do alcalde, Daniel Pérez; a concelleira de Facenda, Patrimonio e Réxime Interior, Belén Lendoiro, e outros membros da corporación; o autor do deseño, Óscar Vázquez; e 18 nenos e nenas de entre 3 e 13 anos, un por cada parroquia, acompañados polas súas familias.
Foron precisamente as crianzas as encargadas de facer visible unha das principais novidades da nova identidade. Cada unha vestiu unha camiseta co logotipo correspondente á súa parroquia, de maneira que a fotografía conxunta permitiu ver nunha mesma imaxe 18 símbolos diferentes que forman parte dun único Carballo.
Unha nova maneira de representar Carballo
Belén Lendoiro abriu o acto destacando que a presentación ía moito máis alá dun cambio gráfico. “Hoxe non vimos presentar simplemente un novo logotipo. Vimos presentar unha nova maneira de representar Carballo”, afirmou.
A concelleira lembrou que as institucións tamén necesitan evolucionar, ao igual que o fan os servizos públicos, as formas de relacionarse coa cidadanía e as canles de comunicación.
Belén Lendoiro sinalou que a imaxe empregada ata agora cumpriu perfectamente a súa función durante moitos anos, pero necesitaba adaptarse a unha comunicación “cada vez máis dixital, máis diversa e máis inmediata”. Por ese motivo, o Concello iniciou un proceso de actualización cunha premisa moi clara: “Non queriamos romper coa nosa identidade, senón facela evolucionar”.
O reto consistía en conseguir unha marca máis limpa, versátil, funcional e contemporánea, pero que continuase sendo inequivocamente Carballo. “O resultado ten, ademais, unha virtude moi especial: detrás dunha aparencia máis sinxela hai unha historia moito máis rica. Unha historia que parte do territorio e das persoas”, engadiu.
Belén Lendoiro agradeceu a Óscar Vázquez “a súa capacidade para entender o que buscabamos e, sobre todo, para transformar unha idea nun símbolo que fala de nós”, así como a participación das 18 crianzas e das súas familias.
“Unha identidade institucional debe falar do lugar que somos, pero tamén do lugar que queremos seguir sendo”, concluíu antes de dar paso á explicación do proceso creativo.
Un logotipo que nace do territorio
O proceso de creación comezou coa recollida de follas de carballo nas 18 parroquias do municipio. A partir delas desenvolveuse unha composición baseada na superposición das distintas siluetas sobre a identidade anterior, ata chegar á forma que define a nova marca municipal.
Óscar Vázquez amosou nun vídeo e explicou durante o acto a evolución desde as follas recollidas no territorio ata o resultado final.
A nova marca conserva unha clara continuidade coa anterior, pero incorpora unha dimensión nova: o territorio deixa de ser só aquilo que representa o Concello e pasa a formar parte da materia coa que se constrúe a súa propia identidade.
O resultado é unha silueta orgánica formada pola combinación das diferentes follas que, vista no seu conxunto, identifica a Carballo. Ao mesmo tempo, o sistema gráfico permite individualizar cada unha delas para crear unha versión específica da marca para cada parroquia.
Cada territorio pode recoñecerse dentro do símbolo común a través da folla que lle corresponde, mantendo unha linguaxe gráfica compartida co resto do municipio.
Un deseño que conta a historia de Carballo
O alcalde, Daniel Pérez, destacou no peche do acto que “hai deseños que identifican unha institución e hai deseños que, ademais, contan unha historia. Este deseño conta a nosa”.
“Dezaoito parroquias. Cada unha coa súa paisaxe, coa súa historia, coa súa xente e coa súa maneira de ser. Todas diferentes. Todas necesarias. E dezaoito follas. Dezaoito realidades diferentes que, cando se xuntan, constrúen un único carballo. E poucas imaxes poderían expresar mellor o que é un concello”, afirmou. “Ningunha folla explica por si soa o carballo. Pero sen unha delas o carballo xa non sería o mesmo”, salientou.
Para o alcalde, esa é a principal forza da nova marca: “Non inventamos un símbolo para representar Carballo. Fomos buscalo ao propio Carballo. Ás súas parroquias, á súa terra e aos seus carballos. E despois unimos esas dezaoito pequenas partes para construír algo común”.
“É unha idea moi sinxela, pero tamén moi poderosa: Carballo somos todos e todas”, engadiu.
As raíces e o Carballo que vén
Daniel Pérez tamén incidiu no significado especial de presentar a nova identidade no ano no que se conmemora o 190 aniversario da constitución do Concello.
“Case dous séculos despois, renovamos a maneira de representarnos, pero facémolo mirando precisamente cara ao que permanece: o territorio, as parroquias, a identidade e a comunidade. Ás veces, para avanzar, hai que volver mirar as raíces”, sinalou.
O alcalde agradeceu a Óscar Vázquez “o enorme traballo que hai detrás dunha imaxe que, precisamente porque agora parece tan natural, demostra que está ben pensada”.
Tamén tivo palabras de agradecemento para os 18 nenos e nenas que participaron na presentación. “Hoxe representan as dezaoito parroquias, pero representan tamén algo máis importante: o Carballo que vén”.
“Un Carballo que queremos construír respectando a súa identidade, orgulloso da súa lingua, atento ás súas parroquias e capaz de avanzar como unha comunidade unida”, afirmou.
Membros da corporación e público sumáronse á presentación lucindo camisetas coa nova marca situada á altura do corazón, reforzando simbolicamente unha das ideas centrais do proxecto: as parroquias están no corazón de Carballo.
Implantación progresiva da nova marca
A nova identidade comezará a incorporarse progresivamente aos documentos municipais, ás rúas, ás redes sociais, aos equipamentos, aos vehículos e aos distintos espazos nos que o Concello está presente.
“Pouco a pouco farase familiar. E seguramente dentro duns anos xa non pensaremos nas dezaoito follas cando a vexamos. Veremos simplemente Carballo. E iso será a mellor proba de que esta nova identidade conseguiu o seu propósito”, concluíu Daniel Pérez.