A web oficial do concello de Carballo

O pleno aprobará na sesión do luns 8 de setembro proxectos de obras nas parroquias de Aldemunde, Oza, Cances, Rus e Goiáns por case un millón de euros

A corporación municipal aprobará no pleno do luns 8 de setembro, que se corresponde coa sesión ordinaria de agosto, os catro proxectos de obras que se acometerán con cargo ao POS+ Adicional 2/2025, por un importe total de 956.874,36 euros. Son os seguintes:

  • Mellora de pavimentación en Aldemunde: 237.287,66 euros
  • Aglomerado da vía desde As Torres (Oza) ata Cances Grande: 481.964,74 euros
  • Ampliación da rede de saneamento na Canosa (Rus): 75.135,07 euros
  • Ampliación da rede de saneamento en Bas (Goiáns): 162.486,89 euros

O alcalde, Evencio Ferrero, informou hoxe sobre os asuntos que se abordarán na sesión. Na comparecencia estivo acompañado pola concelleira de Facenda e Persoal, Belén Lendoiro, e polos concelleiros de Contratación e Servizos, Ramón Varela e Miguel Vales, respectivamente. Este último deu conta da proposta de adhesión ao convenio marco de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia e os Sistemas de Responsabilidade Ampliada do Produtor (SRAP) de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos, por unha banda, e de pilas e acumuladores, por outra.

O goberno municipal proporá no pleno a solicitude de subvención á Deputación da Coruña para o mantemento da Unidade de Condutas Adictivas (UCA). O alcalde lembrou que a institución provincial vén complementando desde hai anos a achega que realiza a Consellería de Sanidade para que o Concello de Carballo non teña que asumir o gasto de funcionamento dun servizo “impropio”. A Deputación achega cada ano 30.000 euros para a UCA, que atende á poboación de toda a Costa da Morte e que, na opinión de Evencio Ferrero, como servizo sanitario que é debería formar parte do catálogo do Sergas.

Entre os asuntos que figuran na orde do día tamén figura o recoñecemento de compatibilidade do emprego público con actividades no sector privado de unha oficial que se incorporará en breve á brigada de obras. Así mesmo, Belén Lendoiro informou sobre cuestións económicas como a aprobación da conta xeral do Concello de Carballo correspondente ao ano 2024, e o alcalde deu conta dos informes sobre reparos de Intervención, que se reduciron dun 13% a un 7%, ou do período medio de pago a provedores, que no último trimestre situouse en 27,76 días.