Despois da toma de posesión de Lucinda Serrano Tasende como concelleira do grupo municipal do Partido Popular, o pleno da corporación aprobou a participación do Concello de Carballo na segunda fase do POS+ Adicional 2/2026 da Deputación da Coruña, que permitirá mobilizar 957.963,69 euros en tres novos investimentos nas parroquias de Entrecruces, Sofán e Noicela. A proposta saíu adiante con 15 votos a favor, dos grupos municipais do BNG e do PSdeG-PSOE, e cinco abstencións do PP.
As actuacións que se incorporan nesta segunda fase son as seguintes:
- Acondicionamento do viario no lugar de San Paio, na parroquia de Entrecruces: 316.874,70 euros.
- Ampliación da rede de abastecemento nos lugares do Zarrallo e A Carracha, na parroquia de Sofán: 201.727,43 euros.
- Abastecemento e saneamento nos lugares da Algara e O Rapadoiro, na parroquia de Noicela: 439.361,56 euros.
En total, os tres proxectos suman 957.963,69 euros, financiados integramente pola Deputación. A esta cantidade engádense 17.621,92 euros destinados a gasto corrente, de maneira que a aplicación da achega provincial nesta segunda fase ascende a 975.585,61 euros.
Máis de 1,5 millóns nas dúas fases
Esta nova relación de obras súmase á primeira fase do POS+ Adicional 2/2026, na que o Concello xa incorporara o proxecto de melloras na rede de abastecemento e saneamento da Grela, na parroquia de Carballo, cun investimento de 572.066,72 euros.
Deste xeito, as dúas fases do plan permiten financiar catro actuacións por un total de 1.530.030,41 euros, tres delas directamente vinculadas á ampliación e mellora das redes municipais de abastecemento e saneamento.
O goberno municipal destaca que este novo paquete de investimentos permite continuar avanzando nunha das liñas prioritarias de actuación do Concello, como é estender os servizos básicos e mellorar as infraestruturas no rural, ao tempo que se acometen melloras na rede viaria.
Modificación do PXOM na rúa San Martiño
O pleno aprobou tamén, cos 15 votos favorables de BNG e PSdeG-PSOE e cinco abstencións do PP, a modificación puntual número 11 do Plan Xeral de Ordenación Municipal.
A modificación afecta a cinco solares da rúa San Martiño e permitirá pasar da actual ordenación de planta baixa máis tres alturas (B+3) a planta baixa máis catro (B+4). O obxectivo é harmonizar as alturas en toda a mazá e conseguir unha maior uniformidade volumétrica cara ao Parque de San Martiño, para evitar a aparición de medianís vistos.
Outro dos acordos destacados foi a aprobación por unanimidade do convenio de colaboración e coordinación entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local para a protección das vítimas de violencia doméstica e de xénero a través do sistema VIOGÉN.
Tamén foron aprobados por unanimidade a acta da sesión anterior e os dous expedientes de compatibilidade laboral incluídos na orde do día.
Na parte de control, o pleno tomou coñecemento dos informes relativos á rendición de información ao Consello de Contas, á execución orzamentaria do segundo trimestre e ao cumprimento dos prazos de pagamento, así como das resolucións da Alcaldía e dos acordos adoptados pola Xunta de Goberno Local.