A web oficial do concello de Carballo

Daniel Pérez celebra que a Xunta recoñeza e asuma a necesidade de abrir de maneira urxente a canle de Baldaio

O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, valorou de maneira moi positiva que a Administración autonómica asuma finalmente a posición defendida desde o primeiro momento polo goberno municipal: a necesidade de acometer con carácter urxente a apertura mecánica da canle da lagoa de Baldaio.

A proposta de protocolo remitida pola Xunta ao Concello inclúe como principal actuación inmediata a recuperación da canle entre o aliviadoiro e a praia, co obxectivo de favorecer a circulación da auga e restablecer a conexión ecolóxica entre a lagoa e o medio mariño. A actuación executaríase coincidindo coa baixamar e adaptándose á dinámica natural do sistema.

“É unha boa nova que a Xunta recoñeza a urxencia dunha actuación que levamos semanas reclamando desde o Concello e que resulta imprescindible para frear a deterioración ambiental da lagoa e os prexuízos para a actividade marisqueira e para as familias e negocios da contorna”, sinalou Daniel Pérez.

O alcalde reiterou a plena disposición do Concello de Carballo a colaborar, dentro das súas competencias, na adopción das medidas necesarias para restablecer canto antes o fluxo mareal e evitar maiores danos ambientais, económicos e sociais.

O Concello recibiu a proposta de protocolo a última hora da mañá deste xoves. Mañá mesmo será analizada polos servizos técnicos e xurídicos municipais, coa vontade de poder proceder á súa sinatura coa máxima axilidade.

O documento prevé que a Consellería do Mar achegue os medios materiais necesarios para realizar as actuacións puntuais e de emerxencia, mentres que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático se encargará da súa coordinación e autorización. Pola súa parte, o Concello colaborará especialmente nos aspectos operativos e loxísticos, dentro do marco das súas competencias.

Ademais das medidas inmediatas, o protocolo establece a creación dunha comisión técnica de seguimento, integrada pola Xunta, o Concello de Carballo e a Demarcación de Costas do Estado, que deberá traballar nunha proposta global de intervención e xestión das marismas.

Daniel Pérez insistiu en que o Concello velará polo cumprimento do prazo de seis meses establecido no protocolo para que esa comisión presente unha proposta global que permita abordar unha solución definitiva.

“Non podemos limitarnos a abrir a canle cada vez que volva quedar pechada. A actuación inmediata é imprescindible, pero debe ir acompañada dunha planificación integral que garanta a conservación de Baldaio, a actividade marisqueira e unha xestión adecuada deste espazo natural a longo prazo”, concluíu o alcalde.