O ciclo Son de Aquí, incluído na programación de Ondas Culturais, bota a andar o xoves 23 de xullo. Trátase dunha proposta que une música, patrimonio e paisaxe para ofrecer ao público unha experiencia cultural completa en espazos singulares do concello. Ao longo de catro citas, a iniciativa achegará diferentes proxectos musicais a lugares de especial valor histórico, natural ou etnográfico de Carballo, incorporando antes de cada concerto unha breve intervención para descubrir a historia, o patrimonio e as tradicións de cada enclave.
A primeira parada será o 23 de xullo no Miradoiro de Santa Irene-Lema, onde ás 20.00 horas terá lugar unha visita guiada gratuíta que precisa inscrición previa e que permitirá ao público achegarse á contorna de Baldaio a través da figura de Carlos “O Xestal” e da memoria histórica deste espazo natural. A continuación, xa ás 20.30 horas, comezará o concerto de Unto Vello, neste caso con acceso libre.
Considerado un dos proxectos máis relevantes da música tradicional galega na actualidade, Unto Vello presenta en Carballo Inmaterial, o seu novo traballo discográfico, froito dun intenso labor de investigación e re interpretación das melodías tradicionais do país. Cun repertorio centrado no baile tradicional e na voz, acompañado por percusión, gaita e acordeón, o dúo ofrece unha proposta que bebe da tradición para proxectala cara ao presente, mantendo viva a riqueza do patrimonio musical galego. Esta actuación conta coa colaboración da Deputación da Coruña.
Catro citas en xullo e agosto
Sons de Aquí continuará durante o verán con novas actuacións na igrexa de Sísamo con Sofía Espiñeira (6 de agosto), na igrexa de Sofán con Manu Sija (20 de agosto) e no barrio do Chorís con Do Rivés (21 de agosto), mantendo a mesma filosofía de combinar a música en directo coa descuberta da historia e da identidade de cada un destes espazos.
En agosto o ciclo comeza co concerto de Sofía Espiñeira (na imaxe). Cantautora e creadora multidisciplinar de Mugardos, combina a canción de autora coas músicas de raíz, tecendo un universo sonoro íntimo e profundamente ligado á tradición oral e á memoria colectiva. Gañadora do Premio Martín Códax da Música 2022 na categoría de Canción de Autora, desenvolve tamén unha destacada traxectoria nas artes escénicas como actriz, bailarina e compositora. En Xeografías, o seu segundo traballo discográfico, propón unha viaxe polas paisaxes interiores e exteriores que nos conforman. O espectáculo mestura a delicadeza da canción de autora con ritmos e sonoridades de raíz e músicas do mundo. Esta actuación conta coa colaboración da Deputación da Coruña.
A programación continúa con Manu Sija, un multiinstrumentista, compositor e produtor arxentino nacido en Tucumán, considerado unha das voces máis innovadoras da música popular latinoamericana. Cun estilo persoal que fusiona o folclore arxentino co jazz, a improvisación e as músicas do mundo, destaca pola súa virtuosidade con instrumentos como o violín, a guitarra, o baixo, o piano, a frauta ou a percusión. Nos seus concertos crea unha experiencia musical sorprendente na que combina composicións propias, improvisación e live looping, construíndo en directo paisaxes sonoras. Esta actuación conta coa colaboración da Deputación da Coruña.
Do Rivés poñen punto final a Son de Aquí. É unha formación de pandeireteiras da Costa da Morte, con varias de Carballo, integrada por Jenni Felpete, Hadri Felpete, Alba Freijeiro, Elena Verdes e Paula Vilela. O grupo nace coa vontade de reivindicar a música tradicional desde unha mirada contemporánea, mantendo a esencia do canto, o baile e a percusión de man. Cunha forte ligazón ao patrimonio oral da comarca, Do Rivés converteuse nunha das propostas emerxentes máis destacadas do novo folk galego, poñendo en valor a riqueza musical e lingüística da Costa da Morte. Contrabando, o seu primeiro traballo discográfico, bebe directamente da tradición oral da comarca e sitúa a pandeireta, a voz colectiva e o baile no centro da proposta artística.
Inscrición visitas guiadas
Para asistir ás visitas guiadas que se realizan antes de cada actuación é necesario realizar inscrición previa a través da web do Concello de Carballo, www.carballo.gal, no apartado de AXENDA, xa que as prazas están limitadas a 25. Pola contra, os concertos son de acceso libre, ata completar a capacidade do recinto. Todas as actividades son gratuítas.
- Inscrición visita guiada 23 xullo: Miradoiro de Santa Irene
- Inscrición visita guiada 6 de agosto: Igrexa de Sísamo
- Inscrición visita guiada 20 de agosto: Igrexa de Sofán
- Inscrición visita guiada 21 de agosto: Barrio do Chorís
