O Festival Internacional Outono de Teatro, o FIOT, acolleu o domingo 8 de novembro a gala final do Concurso Escolar de Teatro Lido “Xosé Manuel Eirís”, que neste 2026 celebrou o seu 25 aniversario.
O acto estivo presentado por Tone Martínez e Alba Bermúdez, de Galeatro. Precisamente, a actriz carballesa participou co grupo Vagalume cando era nena neste certame e na gala recordou aqueles inicios. “Quen sabe se estes nenos e nenas traballarán no teatro ou na radio no futuro”, comentou Alba.
O certame contou de novo coa colaboración de Radio Nordés Cadena Ser e coa achega económica da Libraría Brañas Verdes para premios (importes destinados a libros e material didáctico). Neste sentido, a organización quixo agradecer neste aniversario o compromiso de Ramón Tasende, da Libraría Brañas, que leva colaborando co concurso durante estes 25 anos.
O FIOT quere agradecer a implicación dos centros educativos e do profesorado nesta iniciativa que ten como obxectivo promover o teatro entre os máis pequenos da casa e adolescentes.
E velaquí os grupos gañadores!
Na 1ª categoría (Educación Infantil e Primaria):
- Primeiro premio: Os Cristinatreiros, do CEIP A Cristina (de 3º, 4º e 6º de EP), coa obra Contos fóra de conto.

- Segundo premio: Samaritas e Samaritos, do CPI Cabo da Area (de 4º de EP), coa obra
Memorias dun neno labrego en Ceuta.

- Terceiro premio: A Cuarta Revolta, do CEIP As Revoltas (de 4º de EP), coa obra
O caso do pronome átono.

Na 2ª categoría (Educación Secundaria):
- Primeiro premio: Revoltoxos, do CEIP As Revoltas (4º da ESO), coa obra Resurrección artificial.

- Segundo premio: Nenos do futuro, do IES Eduardo Pondal (2º da ESO), coa obra Memorias dun neno cibernético.

- Terceiro premio: Rebolondas, do IES Isidro Parga Pondal (2º da ESO), coa obra Unha nova ollada.

Ramón Tasende, de Libraría Brañas Verdes, recollendo o recoñecemento do FIOT aos seus 25 anos de dedicación ao Certame de Teatro Lido.

Parabéns a todas e todos e deica o ano!