A web oficial do concello de Carballo

Un total de 1.700 persoas participaron este curso no programa municipal de actividades físico-deportivas

Ao longo desta semana están a celebrarse as xornadas de clausura do curso na Escola de natación infantil do Concello de Carballo, na que participan cada ano centos de nenos e nenas de catro a doce anos. Ademais das familias, tamén se achegaron ata a piscina municipal Vila de Noia o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deportes, Daniel Pérez, que puideron ver aos peques en acción.

Ano tras ano, coincidindo co curso escolar, todos os días pola tarde, de luns a venres, a piscina do complexo deportivo Vila de Noia ten un espazo reservado para os nenos e as nenas do municipio carballés, unha actividade que se compatibiliza co uso da instalación por parte de entidades deportivas e usuarios/as individuais.

Cada alumno/a da Escola de Natación Infantil recibe unha sesión semanal de 45 minutos de duración, ata acadar un total de 35 sesións entre setembro e xuño. Este programa acapara máis da metade da demanda das actividades acuáticas que se desenvolven na piscina municipal Vila de Noia, e cada semana impártense 80 sesións.

Xunto á escola infantil de natación, cunha traxectoria de 37 anos, o programa municipal de actividades físico-deportivas inclúe tamén aquagym, ximnasia de mantemento, natación terapéutica, natación e exercicio físico para adultos. En total, 1.700 persoas, que hoxe rematan o curso.

Se precisas información sobre a oferta físico-deportiva do Concello de Carballo ponte en contacto coa área de Deportes a través do enderezo electrónico carballodeporte@carballo.gal, chamando ao 981702109 ou presencialmente nas oficinas de Carballo Deporte, na rúa Vila de Corcubión.