Os consellos parroquiais retomarán a súa actividade no mes de novembro. Dende o Concello de Carballo queremos seguir fomentando a participación veciñal na xestión municipal, e os consellos parroquiais constitúen dende o ano 2017 unha canle fundamental.
Nestes momentos están constituídos 16 consellos parroquiais, nos que participan de xeito directo máis de 300 veciños e veciñas, e moitos máis de xeito indirecto, xa que antes da reunión cos representantes municipais é habitual que a veciñanza celebre xuntanzas abertas para recoller as propostas que despois serán trasladadas aos representantes municipais.
Nos consellos parroquiais participarán o alcalde, Daniel Pérez, e representantes de todos os grupos políticos municipais. Por parte da veciñanza hai participación do movemento asociativo, aínda que as portas están abertas a aquelas persoas que queiran sumarse a título individual. O obxectivo destes órganos de participación veciñal é recoller as propostas da cidadanía para telas en conta á hora de decidir sobre o investimento dos fondos públicos.
Neste curso as sesións volverán celebrarse os xoves ás 20.00 horas. Este é o calendario provisional (no caso de que haxa que modificar algunha data comunicarase previamente):
- 6 de novembro, Aldemunde
 - 13 de novembro, Ardaña
 - 20 de novembro, Artes
 - 27 de novembro, Bértoa
 - 15 de xaneiro, Cances
 - 22 de xaneiro, Entrecruces
 - 29 de xaneiro, Goiáns
 - 5 de febreiro, Lema
 - 12 de febreiro, Noicela-Rebordelos
 - 19 de febreiro, Oza
 - 26 de febreiro, Razo
 - 5 de marzo, Rus
 - 12 de marzo, Sísamo
 - 26 de marzo, Sofán
 - 9 de abril, Verdillo
 - 16 de abril, Vilela