A web oficial do concello de Carballo

O proxecto “Aprende a través do surfing” consolida a súa vertente cultural e ambiental nas aulas de Carballo neste 2026

O programa educativo Aprende a través do surfing, impulsado no Concello de Carballo pola Concellaría de Promoción Económica e Turismo, inicia unha nova edición nos centros escolares do noso concello, e reafírmase como unha das iniciativas pedagóxicas máis completas de Galicia ao combinar o deporte, a ciencia mariña e a cultura oceánica.

Tras o éxito de participación de cursos anteriores, o proxecto arrincou esta semana no CEIP Nétoma-Razo, o primeiro en experimentar unha completa programación que vai moito máis alá das ondas, e continúa hoxe e mañá no Gándara-Sofán.

Nesta primeira fase de 2026, o alumnado do CEIP Nétoma-Razo conta cunha biblioteca especializada de 25 títulos sobre a cultura do surf en colaboración con Libros del Océano, ademais dunha exposición didáctica de 9 paneis sobre os cetáceos, tartarugas e aves mariñas que habitan as nosas costas, creada en colaboración coa CEMMA, que poden verse esta semana e tamén despois das vacacións.

O programa continuará o seu periplo polo CEIP A Cristina e o CRA Ponte da Pedra despois da Semana Santa, preparando o camiño para as xornadas prácticas de surf que terán lugar en maio na praia de Razo.

Tradición e identidade: surf e olaría

Como novidade destacada tras a Semana Santa, o proxecto integrará a artesanía local a través dun obradoiro-contacontos. Partindo da lenda Layar e a lectura do libro Origen, o alumnado afondará no coñecemento dos pobos indíxenas para rematar creando a súa propia táboa de surf en barro, nunha colaboración especial co Obradoiro Gorín de Buño. Esta actividade busca conectar a modernidade do surf coa tradición milenaria da olaría.

Proxección comarcal e inclusión

O impacto de Aprende a través do surfing é cada vez maior, e este ano a praia de Razo recibirá tamén estudantes de centros de Coristanco, Santa Comba, Negreira e Zas.

A programación completarase nas vindeiras datas coa axenda para os institutos de secundaria e as sesións de surf adaptado, para garantir que o mar sexa un espazo de aprendizaxe accesible e inclusivo para toda a rapazada.