A web oficial do concello de Carballo

O mercado municipal de Carballo pecha a programación de verán cunha cata de cafés e xa prepara novas actividades para setembro e outubro

O mercado municipal de Carballo acolle este venres 21 á última cita da súa programación especial de verán cunha cata de Cafés Delta, que se celebrará a partir das 11.00 horas na planta alta. A participación será gratuíta e aberta a todo o público ata completar a capacidade.

A actividade forma parte das experiencias de maridaxe incluídas no Plan de dinamización do mercado municipal para os meses de verán, unha programación coa que se pretende ofrecer novos motivos para achegarse á praza de abastos e, ao mesmo tempo, dar a coñecer os seus produtos e establecementos.

A última experiencia, celebrada o pasado 7 de agosto, foi unha cata de cervexas coa participación de expertos de Estrella Galicia, que conseguiu achegar ao mercado a numeroso público e, especialmente, persoas que non son usuarias habituais da praza. A boa resposta á iniciativa reforza un dos obxectivos do programa de dinamización: facer do mercado non só un lugar no que mercar, senón tamén un espazo no que encontrarse, aprender, probar produtos e compartir experiencias.

A cata deste venres tomará o relevo coa cultura do café como protagonista. Da man de Cafés Delta, as persoas asistentes poderán coñecer máis sobre esta bebida, as súas características e a maneira de apreciala e degustala. A cita comezará ás 11.00 horas e non será necesaria inscrición previa.

Do verán á volta ao cole

As experiencias de maridaxe poñen o broche a unha programación estival que arrancou en xuño coa celebración de San Xoán, con petiscos elaborados con produtos típicos da época e o sorteo dunha cesta composta por produtos dos distintos postos.

En xullo, as compras tiveron premio coa campaña de tarxetas rasca, que permitiu repartir máis de 2.000 agasallos entre a clientela —bolsas, frisbis, pelotas de praia, papaventos ou gorras, entre outros—. A programación incorporou tamén a vertente divulgativa e de saúde coa charla A túa pel ten memoria, protéxea cada día, organizada pola xunta local da Asociación Española Contra o Cancro e impartida pola súa técnica de prevención Iria Villar.

A cata de café non suporá, en todo caso, o final do Plan de dinamización. O mercado municipal de Carballo continuará con novas actividades durante setembro e outubro, nesta ocasión cunha atención especial á alimentación saudable e ao produto de proximidade.

Para setembro xa están previstas dúas edicións dun taller de merendas saudables para levar ao cole, unha proposta especialmente dirixida ás familias coincidindo coa volta ás aulas.

O mercado acollerá tamén unha degustación de peixe da Costa da Morte, unha actividade coa que se pretende poñer en valor o produto do mar da contorna e que se desenvolverá en colaboración co GALP.

A programación completa de setembro e outubro darase a coñecer proximamente. O mercado municipal de Carballo continúa así avanzando nunha programación estable ao longo do ano, combinando promoción comercial, gastronomía, saúde, divulgación e actividades participativas para reforzar a relación entre a praza de abastos e a veciñanza.