A web oficial do concello de Carballo

O Concello solicita unha reunión coas consellerías de Mar e Medio Ambiente para desbloquear a solución á acumulación de area na ría de Baldaio

O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, solicitou unha reunión coas consellerías de Mar e Medio Ambiente da Xunta de Galicia coa finalidade de desbloquear unha intervención que poida poñer freo á acumulación de area na ría de Baldaio. Despois de catro meses sen conexión directa entre a lagoa e o mar, os riscos van en aumento tanto desde o punto de vista da actividade marisqueira como do mantemento do ecosistema, e xa empeza a converterse nun problema veciñal pola proliferación de insectos.

O alcalde, Daniel Pérez, e o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, veñen de manter unha xuntanza co presidente da Agrupación de Mariscadores Fonte de Santa Helena, Alberto Sánchez, que expresou a súa preocupación pola perda da salinidade, que pode ser fatal para a produción marisqueira. Desde a entidade tense solicitado a intervención da Xunta de Galicia, administración competente nese ámbito, pero polo momento non recibiron resposta, segundo manifestaron.

Tanto os mariscadores como o goberno municipal comparten preocupación pola reiteración deste tipo de fenómenos, especialmente frecuentes nos últimos anos. Por parte do Concello de Carballo, como xa se ten feito noutras ocasións, manifestouse todo o apoio e a disposición a colaborar como interlocutor coa Administración autonómica, tanto para atallar o problema existente na actualidade como, sobre todo, para buscar unha solución a longo prazo. Neste sentido, desde a Concellaría de Medio Ambiente e Protección Civil estase a elaborar un informe sobre o estado actual do espazo natural e os riscos aos que se enfronta a curto, medio e longo prazo.