A web oficial do concello de Carballo

O Concello destinará 27.500 euros a apoiar as festas populares de barrios e parroquias

A Xunta de Goberno Local do Concello de Carballo aprobou este luns, 24 de agosto, as bases da convocatoria de subvencións para a celebración de festas populares durante o ano 2026, dotada cun orzamento de 27.500 euros. Na mesma sesión tamén se acordou a concesión dunha subvención nominativa de 2.000 euros a Lenda Educativa SCG para o desenvolvemento do programa Actividades deportivas inclusivas 2026.

A convocatoria de festas populares ten como finalidade colaborar coas comisións e agrupacións veciñais na organización de festas populares, tradicionais ou patronais de arraigo cultural, así como festas gastronómicas xa consolidadas, contribuíndo deste xeito á conservación dunha tradición que forma parte da identidade cultural de Carballo e que ten tamén unha importante función de cohesión social e dinamización das parroquias e barrios.

Poderán acollerse ás axudas as celebracións realizadas entre o 1 de novembro de 2025 e o 31 de outubro de 2026, sempre que cumpran os requisitos establecidos nas bases. As actividades deberán estar abertas a toda a cidadanía, desenvolverse en espazos accesibles e de uso público ou veciñal e ter entrada libre e gratuíta. Quedan fóra da convocatoria as denominadas festas da xuventude ou similares, as celebracións particulares ou privadas e as organizadas con ánimo de lucro.

500 euros por cada día de festa

O importe da subvención será de 500 euros por cada día festivo no que se celebre unha verbena ou concerto cunha orquestra, grupo musical en directo ou solista de consolidado renome e relevancia. Para estes efectos non se computarán as actuacións de solistas, dúos ou tríos de animación musical nin as de DJ.

O orzamento presentado pola organización deberá superar o dobre da subvención solicitada e a achega municipal non poderá exceder, en ningún caso, o 50 % do custo total da actividade. A partida inicial da convocatoria ascende a 27.500 euros, aínda que poderá incrementarse nas condicións previstas na normativa de subvencións.

O prazo para presentar as solicitudes abrirase ao día seguinte da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e rematará o 3 de novembro de 2026.

As axudas poden destinarse aos gastos directamente relacionados coa organización das festas, entre eles a contratación de actividades musicais ou culturais, o alugueiro de infraestruturas, seguros, dereitos de autor, publicidade e pirotecnia.

Deste xeito, o Concello mantén a colaboración económica coas persoas e entidades que, desde as distintas parroquias e barrios, fan posible cada ano un amplo calendario de festas populares. Esta convocatoria súmase ao apoio municipal que se presta tamén mediante servizos de limpeza e recollida de residuos, acondicionamento dos espazos de celebración ou préstamo de equipamentos e infraestruturas municipais.

Apoio ao deporte inclusivo

Na mesma sesión, a Xunta de Goberno Local aprobou unha subvención nominativa de 2.000 euros para Lenda Educativa SCG (sección deportiva) e o correspondente convenio de colaboración para financiar o programa Actividades deportivas inclusivas 2026.

Lenda Educativa é unha entidade sen ánimo de lucro que desenvolve en Carballo actividade deportiva inclusiva no ámbito da diversidade funcional. O proxecto subvencionado está formado por actividades físico-deportivas inclusivas, fundamentalmente no medio acuático, dirixidas a nenos e nenas e adaptadas para favorecer a participación e a convivencia, con propostas ao longo de todo o ano entre as que destacan as actividades en piscina e a práctica do surf.

O programa conta cun orzamento global de 6.499,67 euros, dos que o Concello achegará un máximo de 2.000 euros, equivalente ao 30,77 %.

Con esta colaboración, o Concello continúa apoiando o traballo das entidades locais para avanzar cara a unha práctica deportiva accesible a todas as persoas e favorecer a igualdade de oportunidades a través do deporte.