O Concello de Carballo continúa a desenvolver un ambicioso plan de intervencións na rede viaria co obxectivo de incrementar a seguridade viaria, garantir a accesibilidade e modernizar as infraestruturas públicas das distintas parroquias do termo municipal. Na actualidade, un conxunto de seis importantes proxectos técnicos mobilizan un investimento global de 1.356.242,14 euros.
As actuacións abranguen dende a mellora integral de pavimentacións en núcleos rurais ata a mellora da accesibilidade peonil en estradas con alta densidade de tráfico e a optimización de camiños rurais esenciais para o sector primario.
Estes son os proxectos en marcha:
1. Mellora da capa de rodaxe entre As Torres (Oza) e Cances Grande (Cances)
Este é o proxecto de maior envergadura económica deste paquete, cun orzamento base de licitación de 481.964,74 euros. A intervención afecta as parroquias de Oza e Cances e consiste no aglomerado da vía que conecta os lugares das Torres e Cances Grande, optimizando un eixo de comunicación transversal moi empregado polos veciños. Nestes momentos están en fase de avaliación as ofertas presentadas polas empresas que optan á execución da obra.
2. Mellora da pavimentación no núcleo rural de Imende (Noicela)
Cun orzamento de 434.808,04 euros, esta obra céntrase no núcleo rural de Imende, na parroquia de Noicela. O proxecto, que executa a empresa Vázquez y Reino, está xa moi avanzado. Inclúe a renovación integral de firmes e pavimentos, ademais de actuacións complementarias en servizos urbanos e canalizacións, devolvéndolle ao núcleo unha estética coidada e garantindo unha maior resistencia do rueiro fronte ás inclemencias meteorolóxicas.
3. Mellora da capa de rodaxe na via desde Pereiro Vello a Outón (Entrecruces / Rus)
Esta intervención supón un investimento de 391.797,88 euros e discorre polas parroquias de Entrecruces e Rus, ata as cales se achegaron o alcalde, Daniel Perez, e os concelleiros de Obras e Servizos, Luis Lamas e Miguel Vales. Os traballos, que executa tamén Vázquez y Reino, están xa na recta final, e céntranse na pavimentación con aglomerado e a mellora do trazado de camiños que acusan o paso do tempo, dotándoos de novos firmes adaptados ao tráfico rodado actual e mellorando de xeito substancial a sinalización e a drenaxe da auga de chuvia.
4. Mellora da pavimentación en Aldemunde de Arriba (Aldemunde)
Cun orzamento de licitación de 237.287,66 euros, a actuación será semellante á de Imende. O proxecto deseñou unha solución respectuosa coa contorna tradicional do núcleo rural, resolvendo os problemas da rede viaria e das canalizacións superficiais mediante a regularización e pavimentación axeitada das súas rúas interiores. A actuación vén de saír a licitación, e as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 3 de xuño.
5. Mellora da accesibilidade na estrada AC-414 en Xoane da Estrada (Goiáns)
Esta obra, que executa Construcciones López Cao, conta cun orzamento de 146.087,85 euros. O obxectivo principal é corrixir os problemas de seguridade peonil na contorna da estrada autonómica AC-414 ao seu paso polo núcleo de Xoane, executando espazos peonís accesibles, canalizacións de pluviais e reforzando a sinalización viaria para acougar o tráfico vehicular.
6. Mellora de camiños rurais 2025-2026 (Rus, Bértoa e Oza)
Cun orzamento de 104.295,97 euros, este proxecto desenvólvese en colaboración coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). As obras, executadas pola empresa Alvrey, veñen de rematar, e permitiron o acondicionamento e arranxo estrutural de tres pistas rurais esenciais nos lugares de Loenzo de Abaixo, Serantes do Medio e Outón, fundamentais para o acceso ás explotacións agrícolas e forestais.
Compromiso co equilibrio territorial
Este paquete de obras responde ao firme compromiso do goberno municipal de Carballo de manter un equilibrio territorial nos investimentos. “Queremos que os veciños e veciñas, vivan onde vivan, conten con accesos dignos, estradas seguras nas que poder camiñar ou circular, e núcleos rurais que conserven o seu encanto pero coas comodidades e servizos propios do século XXI”, apuntou o alcalde, Daniel Pérez.
O Concello de Carballo é plenamente consciente do malestar veciñal polo estado actual de varias vías, nas que, debido ás persistentes condicións climatolóxicas adversas e as intensas choivas deste último inverno, non foi posible realizar con garantías as necesarias tarefas de mantemento asfáltico. Por iso, coa chegada do bo tempo e a estabilización do clima, o goberno municipal ten o compromiso prioritario de actuar coa máxima axilidade posible na posta a punto da extensa rede viaria municipal.