A web oficial do concello de Carballo

O Concello de Carballo e a Deputación culminan a transformación integral da travesía de Sísamo cun investimento global de 3,5 millóns de euros

O Concello de Carballo e a Deputación da Coruña completaron unha das actuacións máis ambiciosas e demandadas pola veciñanza. O alcalde de Carballo, Daniel Pérez; o presidente provincial, Valentín González Formoso, e a deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, supervisaron hoxe o resultado final da terceira e última fase das obras da travesía de Sísamo (DP-1901). Cun investimento total acumulado de 3,5 millóns de euros, a intervención supón unha redefinición integral da mobilidade e das infraestruturas básicas na contorna.

Acometida a través de tres fases consecutivas, esta gran obra estratéxica combina o desenvolvemento urbano coa posta en valor do medio rural, un dos piares do modelo de vila que se impulsa desde o goberno local. Mentres que as dúas primeiras fases contaron con achegas provinciais de 422.778 e 861.437 euros respectivamente, esta última etapa mobilizou 2.236.482 euros. Fíxose mediante un convenio de colaboración polo cal o Concello de Carballo cofinanciou 639.482 euros destinados especificamente á dotación e renovación de servizos esenciais, como o saneamento, o abastecemento de auga, o mobiliario urbano e as zonas axardinadas.

Mellora ambiental, accesibilidade e novos servizos

Os traballos executados abranguen o tramo que vai desde o entronque ao instituto de Monte Neme (PK 0+810) ata o lugar do Outeiro (PK 2+570). O proxecto seguiu criterios de sustentabilidade e calidade urbana: ampliouse e pavimentouse a plataforma viaria, construíronse novas beirarrúas para garantir rutas peonís seguras e creáronse zonas de aparcadoiro ordenadas. Así mesmo, renovouse por completo o alumeado público mediante a instalación de tecnoloxía LED, máis eficiente e respectuosa co medio ambiente. O vindeiro paso administrativo será a cesión formal do vial completo por parte da Deputación ao Concello de Carballo.

Durante a visita, o alcalde Daniel Pérez salientou a importancia estratéxica da intervención: “Esta obra é un claro exemplo do que debería ser a colaboración entre administracións. O obxectivo principal é mellorar o día a día da veciñanza de Sísamo, actuando de xeito decidido nunha vía que vertebra a parroquia, dota de servizos de calidade e estende o noso modelo de espazos amables e accesibles fóra do núcleo urbano”.

Pola súa banda, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, cualificou a actuación como un dos investimentos máis importantes da rede provincial de estradas nos últimos anos, e agradeceu especificamente a implicación técnica e política —mencionando o labor do vicepresidente provincial, Xosé Regueira— para superar a complexidade administrativa do proxecto e dar resposta a unha demanda histórica.

Humanización da rúa Compostela

No marco da xornada, os representantes municipais e provinciais tamén visitaron o desenvolvemento das obras de reurbanización da rúa Compostela (DP-1914), concretamente no tramo situado entre a rotonda da Milagrosa e o cruzamento con Emilio González López e José María Castroviejo.

Cun orzamento de 204.470 euros, esta actuación enmárcase na estratexia local de mobilidade sostible e recuperación de espazos públicos para a cidadanía. A intervención reordenará a marxe dereita da vía para gañar beirarrúas máis anchas e novas zonas verdes que funcionen como espazos de lecer e convivencia veciñal. Os traballos inclúen a renovación soterrada de todas as redes de servizos (pluviais, saneamento, alumeado e telecomunicacións), un novo firme asfáltico de alta calidade na calzada, pavimentación con baldosa de terrazo granallado nas áreas peonís, sinalización renovada e a substitución de mobiliario urbano e cobrecontenedores.

Cun proxecto coma este, Carballo segue a consolidar un modelo de mobilidade que sitúa as persoas no centro, transformando as vellas estradas en espazos accesibles, seguros e integrados na paisaxe urbana e rural do municipio.