A web oficial do concello de Carballo

O Concello aproveitou o verán para realizar melloras nos colexios como a reforma integral da escola de Xoane ou a aula sensorial do CEIP Bergantiños

O Concello de Carballo aproveitou un ano máis as vacacións de verán para executar numerosas actuacións de mellora, conservación e mantemento nos centros públicos de educación infantil e primaria do municipio, atendendo especialmente ás necesidades trasladadas polos seus equipos directivos ao remate do curso.

Ás tarefas habituais que se realizan antes da volta ás aulas —limpeza, saneamento dos areeiros, labores de desinfección, desinsectación e desratización ou pequenos arranxos en billas, pechaduras e outros elementos— súmanse cada ano intervencións de maior entidade co obxectivo de manter os edificios e instalacións municipais nas mellores condicións posibles.

O alcalde, Daniel Pérez, e a concelleira de Educación, Mar Eirís, visitaron estes días, acompañados polo xefe da Brigada Municipal de Obras, Manolo Mariño, varias das actuacións executadas durante o verán.

“Os centros trasládannos ao final de cada curso as súas prioridades e procuramos aproveitar os meses de verán e os períodos non lectivos para realizar o maior número posible de actuacións, especialmente aquelas que son máis difíciles de compatibilizar coa actividade escolar”, explica a concelleira.

Ximnasio San Luis Romero

Unha das intervencións máis destacadas realizouse no CEIP Xesús San Luís Romero, en colaboración co propio centro, onde se acometeu a recuperación do parqué do ximnasio.

O pavimento presentaba un importante deterioro como consecuencia dos anos de uso, pero a súa elevada calidade levou a optar pola restauración do solo existente en lugar da súa substitución. Os traballos permitiron recuperar unha superficie deportiva de gran calidade e prolongar a súa vida útil.

Mar Eirís destacou que esta actuación é tamén “un bo exemplo de como ás veces a mellor solución non é substituír, senón conservar e recuperar materiais de calidade sempre que sexa posible”.

CEIP Nétoma-Razo

No CEIP Nétoma-Razo substituíuse a porta de acceso ao centro e realizáronse diferentes actuacións nas instalacións deportivas, entre elas o cambio da rede situada sobre o muro da cancha de baloncesto.

Outra das actuacións relevantes foi o acondicionamento dunha aula sensorial no CEIP Bergantiños, un novo espazo adaptado ás necesidades educativas do alumnado.

O alcalde salientou a importancia de “escoitar os centros e adaptar tamén os espazos educativos ás novas necesidades do alumnado, porque a calidade do ensino público depende igualmente de contar con instalacións adecuadas, seguras e inclusivas”.

Reforma integral da escola de Xoane

O Concello de Carballo continúa coa súa planificación de acondicionamento progresivo das escolas unitarias. Cada ano acométese a reforma integral dunha delas e neste 2026 foi a quenda da escola de Xoane. Este sistema permite ir renovando de maneira progresiva as diferentes escolas que integran o CRA Ponte da Pedra e garantir unhas condicións axeitadas para o alumnado escolarizado nas parroquias.

A actuación supuxo unha renovación completa do edificio, con intervencións no solo, nas ventás e na pintura interior e exterior, entre outros elementos, que permitiron deixar as instalacións totalmente acondicionadas para o novo curso.

As intervencións municipais responden tamén a situacións concretas que van xurdindo ao longo do curso. É o caso da escola de Verdillo, onde foi necesario incrementar a altura do peche exterior para atender unha necesidade específica detectada no centro.

Estas actuacións súmanse aos numerosos traballos de conservación que realiza ao longo de todo o ano a Brigada Municipal de Obras.

“Hai intervencións grandes, que son as máis visibles, pero detrás do inicio de cada curso hai tamén moitísimo traballo diario da brigada municipal: desde unha pechadura ou unha billa ata unha ventá, un peche ou unha reparación nun patio”, sinala Daniel Pérez.

Colaboración coa Consellería de Educación

Paralelamente ás actuacións que corresponden ao Concello, o goberno municipal continúa traballando coa Consellería de Educación para avanzar naquelas melloras de maior entidade que requiren a intervención da administración autonómica.

Nese marco, o alcalde e a concelleira mantiveron este verán unha xuntanza con responsables de Educación para analizar as necesidades dos centros de Carballo e estudar en que medida poden colaborar ambas administracións, dentro dunha liña de coordinación que se mantén desde hai anos.

Entre as actuacións prioritarias sitúanse varias intervencións no CEIP Bergantiños, especialmente a substitución dos ventanais e a reforma do patio cuberto e dos aseos. Trátase de melloras que tanto o Concello como o propio centro veñen trasladando á Consellería de Educación debido, entre outras cuestións, ás necesidades detectadas en materia de seguridade e salubridade.

Desde o Concello considérase necesario seguir avanzando nesta colaboración institucional para que as actuacións de mantemento e mellora que realiza a administración municipal poidan complementarse coas obras estruturais que corresponden á Xunta de Galicia.

O Concello mantén unha comunicación permanente cos equipos directivos e, ao finalizar cada curso, recompila as peticións dos diferentes centros para planificar e priorizar as actuacións durante o verán, procurando que o maior número posible delas estean rematadas antes da incorporación do alumnado ás aulas.