A web oficial do concello de Carballo

Máis de 1.000 persoas participan nas actividades formativas do programa “Remocea”, ás que se suma un taller de promoción das TIC para maiores de 60 anos

Máis de 1.000 persoas participan no programa Remocea, que inclúe as distintas actividades promovidas polo Concello de Carballo para os veciños e as veciñas maiores de 60 anos. Á escola de Informática, os cursos de manexo dos smartphones, os talleres de memoria, o programa de exercicio físico e os obradoiros de actividades lúdico-formativas sumouse hoxe un novo taller de promoción das TIC no que contamos coa colaboración da Fundación Amigos de Galicia.

O alcalde, Daniel Pérez, e a concelleira de Terceira Idade, Mar Eirís, achegáronse ata as Escolas do Xardín Agra de Caldas para dar a benvida ás máis de vinte persoas que participan no taller, que se concentra en catro xornadas entre esta semana e a vindeira. Daniel Pérez convidou ao “alumnado” a aproveitar a formación, que, entre outros aspectos, inclúe o correo electrónico, aplicacións como Sergas Móbil ou Whatsapp, a Chave 365, uso de máquinas de quendas ou caixeiros automáticos.

Na escola de informática, este ano ofrecemos dous niveis: iniciación e medio. En cada un deles participan vinte persoas maiores de 60 anos, que ou ben queren ter o seu primeiro contacto co ordenador ou ben queren ampliar os seus coñecementos. Os/as asistentes aos cursos, que se imparten os martes e os mércores na Aula CeMIT, recibiron tamén a visita do alcalde, neste caso acompañado polo concelleiro de Innovación, Iván Andrade, e da técnica responsable da xestión da aula, Milagros Antelo.

Polo que respecta aos talleres de memoria e as actividades lúdico-formativas, que, ao igual que a escola de informática, tamén se desenvolven desde principios de outubro ata finais de maio, temos activos un total de vinte grupos. Os talleres de memoria celébranse todas as semanas nas parroquias de Carballo (3 grupos), Noicela, Sofán, Bértoa, Razo, Verdillo, Rus e Entrecruces; en tanto que as actividades lúdico-formativas lévanse a cabo en Carballo (2 grupos), Verdillo, Aldemunde, Razo, Cances, Oza, Noicela e Ardaña. A distribución realizouse en función do número de solicitudes en cada parroquia.

Tamén se celebran en diferentes parroquias os cursos para mellorar o manexo dos teléfonos móbiles, que imparte persoal da Cruz Vermella. Neste momento están en Verdillo, pero xa se levan realizado en Bértoa, Imende, Razo e Rus. En Carballo falta un dos catro previstos, e tamén se celebrará un na parroquia de Goiáns, que será a primeira actividade no novo centro social situado en Xoane.

En canto o programa de exercicio físico, unha actividade xa clásica no noso concello, vai dirixido a maiores de 65 anos, que reciben dúas sesións semanais desde principios de outubro ata xuño nas parroquias de Carballo (8 grupos), Sofán (2 grupos), Verdillo, Cances, Entrecruces, Noicela-Rebordelos (2 grupos), Razo, Rus (Ramil e Outón), Oza, Artes, Sísamo, Ardaña, Lema e, por primeira vez este curso, Aldemunde.