O Concello de Carballo retoma este mes de setembro a campaña de concienciación e prevención da hipertensión e da diabetes, unha iniciativa que na súas anteriores edicións acadou unha excelente resposta por parte da veciñanza.
A nova campaña desenvolverase os xoves 3, 10, 17 e 24 de setembro, coincidindo co mercado semanal, e permitirá que todas as persoas interesadas poidan realizar de maneira gratuíta medicións da tensión arterial e dos niveis de azucre.
A actividade correrá a cargo da especialidade de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais do Obradoiro Dual de Emprego “Obradoiro Lubians II”, o que permitirá combinar a formación práctica do alumnado cunha acción de sensibilización e promoción da saúde aberta ao conxunto da cidadanía.
Os controis realizaranse na Praza do Concello e, no caso de que as condicións meteorolóxicas non sexan axeitadas, trasladaranse ao interior do mercado municipal.
Desde o Concello animamos especialmente a participar ás persoas que queiran facer un seguimento periódico dos seus valores de tensión arterial e glicosa. Neste sentido, quen dispoña dunha libreta de control das medicións deberá levala consigo, para poder incorporar os novos datos e facilitar o seguimento da súa evolución.
A nova campaña permitirá, ademais, seguir vinculando o mercado dos xoves con actividades de carácter social e comunitario, e aproveitar a elevada afluencia de persoas para achegar á cidadanía accións de información, prevención e promoción da saúde.
O almacenamento ou acceso técnico é estritamente necesario co fin lexítimo de permitir o uso dun servizo específico solicitado expresamente polo abonado ou usuario, ou coa única finalidade de realizar a transmisión dunha comunicación a través dunha rede de comunicacións electrónicas.