A web oficial do concello de Carballo

Degustación gratuíta de peixe da lonxa de Laxe

17/09/2026
12:00
Praza do Concello

A programación de dinamización vinculada ao Mercado Municipal de Carballo continuará o xoves 17 de setembro cunha nova proposta gastronómica centrada no produto de proximidade e na posta en valor da pesca artesanal da Costa da Morte.

A partir das 12.00 horas, coincidindo coa celebración do mercado semanal dos xoves, a zona da feira acollerá unha degustación gratuíta de tapas elaboradas con peixe procedente da lonxa de Laxe.

A actividade está organizada pola Confraría de Pescadores San Roque de Laxe e Mar de Laxe, co apoio do GALP Costa da Morte, e permitirá achegar ao público arredor de 400 degustacións gratuítas, que se repartirán ata esgotar existencias.

Á fronte das elaboracións estará o cociñeiro Miguel Mosteiro, embaixador dos peixes e mariscos de Laxe, que preparará distintas propostas gastronómicas co obxectivo de amosar a calidade e a versatilidade do peixe fresco capturado pola frota artesanal.

A iniciativa forma parte da campaña de promoción do peixe de Laxe que a confraría está a desenvolver en diferentes puntos de Galicia. Este verán xa pasou por Santiago de Compostela e Noia, e terá en Carballo unha das súas próximas paradas antes de pechar o percorrido o 1 de outubro no Parador Costa da Morte, en Muxía.

O obxectivo da campaña é fomentar o consumo de peixe fresco e de proximidade e poñer en valor tanto a pesca artesanal como o traballo das persoas que viven do mar, un sector estreitamente ligado á economía, á identidade e á cultura da Costa da Morte.

A acción encaixa, ao mesmo tempo, na liña de traballo que o Concello de Carballo está a desenvolver para dinamizar o Mercado Municipal e o mercado semanal, incorporando propostas gastronómicas, divulgativas e educativas que permitan atraer novos públicos e reforzar a conexión entre o comercio local, o produto de proximidade e os hábitos de consumo responsables.

A degustación estaba prevista inicialmente para o 10 de setembro, pero finalmente celebrarase o xoves 17, ás 12.00 horas, na zona da feira, con acceso libre e gratuíto.

Non hai campos definidos para este produto.