A web oficial do concello de Carballo

Carballo reivindica a figura de Alfredo Brañas cunha exposición

12/03/2026
19:00
Pazo da Cultura

O Pazo da Cultura de Carballo acollerá desde o 12 de marzo ata o 12 de abril a exposición Alfredo Brañas Menéndez. XIX-XXI. 125 anos do seu pasamento, unha mostra que propón unha revisión contemporánea da figura do intelectual carballés.

A inauguración terá lugar o xoves 12 de marzo ás 19.00 horas no andar -1 do Pazo da Cultura. Ao acto asistirán o alcalde, Daniel Pérez, e a concelleira de Cultura, Maruxa Suárez, e incluirá unha visita guiada a cargo da comisaria da exposición, a profesora de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela Belén Trigo García.

A mostra lanza unha ollada á figura e á obra de Alfredo Brañas (1859-1900) desde a perspectiva do século XXI, abordando aspectos menos coñecidos do intelectual rexionalista. Entre eles destacan cuestións como a súa visión sobre a revolución xurídica, os cambios económicos e demográficos do seu tempo ou o seu papel dentro do movemento cultural do Rexurdimento galego.

A exposición foi organizada pola Universidade de Santiago de Compostela, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Secretaría Xeral da Lingua, e das Fundacións Alfredo Brañas e Castelao. A iniciativa conta tamén coa colaboración do Concello de Carballo.

A mostra forma parte das actividades de divulgación e reflexión arredor da figura de Alfredo Brañas no 125 aniversario do seu pasamento, e permitirá ao público achegarse á dimensión intelectual, política e cultural dun dos pensadores galegos máis relevantes de finais do século XIX.

A exposición poderá visitarse no andar -1 do Pazo da Cultura ata o 12 de abril de 2026.

Non hai campos definidos para este produto.