Nunha xornada marcada pola creatividade e o compromiso cívico, o alumnado do CEIP Plurilingüe A Cristina levou a voz cantante na presentación dunha nova campaña coa que queremos sensibilizar á veciñanza sobre a limpeza dos excrementos caninos.
Non é a primeira vez que, en colaboración co Centro Especial de Emprego (CEE) Aspaber, que se encarga do servizo de limpeza viaria, promovemos unha iniciativa enfocada á responsabilidade das persoas propietarias das mascotas, porque, como di José Varela Costa, o traballador do servizo que protagoniza o primeiro dunha serie de vídeos que iremos difundindo nos próximos meses, “a culpa non é do can”.
Nesta ocasión recuperamos o reparto de dispensadores de bolsas con forma de óso, que tan boa acollida veñen tendo desde o ano 2019, e que nesta ocasión chegan acompañados dun folleto informativo que fai referencia non só á obriga de recoller os excrementos das mascotas, senón tamén de pasealas con colar e correa ou de que estean identificadas con microchip. O folleto, que incide tamén na adopción dos cans e gatos acollidos polo Concello de Carballo, e que son 24 neste momento, será distribuído polo persoal da limpeza viaria xunto cos ósos.
Nestes últimos sete anos desenvolvéronse diferentes campañas e iniciativas relacionadas coa protección animal e o civismo. A instalación de papeleiras con dispensadores de bolsas nas zonas máis frecuentadas polas persoas que teñen cans, campañas de adopción en redes sociais e expositores publicitarios, o vídeo teatral Non máis minas pola rúa… e, máis recentemente, a instalación de sinais que alertan das seis principais zonas de concentración de cacas, e nas que lembramos que o que non recollen os donos teñen que recollelo os/as traballadores/as da limpeza viaria.

A proba de que este tipo de iniciativas dan resultado é que as 16 zonas con maior presenza de excrementos que existían hai cinco anos quedaron reducidas a seis, e nestas últimas tamén se notou unha melloría desde a instalación dos sinais. Así o corroboraron hoxe tanto o persoal do servizo de limpeza coma o profesorado do CEIP A Cristina, xunto ao que se instalou a primeira.
O alumnado do centro sumouse á presentación da campaña. Despois dunha breve explicación por parte do concelleiro de Medio Ambiente e Servizos, Miguel Vales, e de que dous traballadores do servizo de limpeza relatasen o difícil que resulta recoller residuos como as cabichas, sobre todo, e as cacas, a rapazada fixo toda unha declaración de intencións e comprometeuse a exercer de embaixadora da causa: leron un manifesto no que destacaron a importancia de coidar o espazo común, corearon lemas como “Coidar o verde, recolle o que teu can perde” ou “Paseo co can, bolsa na man”, repartiron chapas con mensaxes semellantes e saíron en “manifestación”, con pancartas incluídas, para reivindicar o seu dereito a xogar en parques e beirarrúas libres de sucidade.
O alcalde, Daniel Pérez, animou aos nenos e nenas a divulgar a mensaxe e a converterse en embaixadores dun concello cada día máis limpo. “Queremos un Carballo máis sostible, e a mellor forma de conseguilo é implicando aos máis mozos como embaixadores do respecto polas nosas rúas e parques”, sinalou.

Tanto os responsables municipais coma o persoal do servizo de limpeza agradeceron a implicación do centro escolar, e destacaron que a educación dos máis novos é a ferramenta máis eficaz para lograr un Carballo máis sostible e habitable para todos.