A web oficial do concello de Carballo

En marcha os traballos de renovación do equipamento de seis pistas polideportivas situadas nas parroquias de Ardaña, Cances, Carballo, Rus e Sísamo

A Concellaría de Deporte ten en marcha un plan de renovación do equipamento das pistas polideportivas que temos distribuídas por todo o territorio municipal coa finalidade de facilitar e fomentar a práctica deportiva nas diferentes parroquias e de poñer en valor unha serie de instalacións que se sitúan na súa maior parte na zona rural.

Despois das actuacións individuais realizadas en espazos como o CEIP A Cristina ou A Ponte de Bértoa, nestes momentos está en execución unha primeira fase dun proxecto global que permitirá poñer a punto seis pistas nas parroquias de Ardaña, Cances, Carballo (O Chorís e CEIP Bergantiños), Rus e Sísamo. O orzamento ronda os 50.000 euros.

En Ardaña a actuación inclúe o acondicionamento da superficie de xogo e a marcaxe dos campos de fútbol sala/balonmán e balonmán, a instalación dun xogo de porterías para fútbol sala e balonmán e tamén canastras de baloncesto. Tamén se renovarán dous treitos da malla de peche.

En Cances tamén se realizará a posta a punto da pista, que presentaba fendas, e marcarase un campo de fútbol sala e balonmán, coas correspondentes porterías.

As obras de Carballo xa están a punto. No CEIP Bergantiños comezarán o curso cunha pista de baloncesto renovada, con dous campos con canastras de baloncesto/minibásquet e unha nova valla perimetral. A actuación no Chorís foi similar, coa posta a punto da superficie de xogo, a marcaxe do campo e a instalación de canastras de baloncesto, e o peche da instalación, ata a cal se achegaron o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deportes, Daniel Pérez.

Os traballos tanto no Outón (Rus) coma nos Vilares (Sísamo) inclúen a limpeza da pista, o pintado dun campo de fútbol sala/balonmán e a instalación de porterías para estes deportes.

“O obxectivo é ampliar este tipo de actuación a outros espazos deportivos exteriores situados tanto na zona urbana coma nas parroquias”, indicou o concelleiro.