A web oficial do concello de Carballo

Daniel Pérez recibe a Antonio García de Seárez nun entrañable encontro sobre a pegada carballesa no Uruguai

O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, acompañado por varios membros do goberno local, recibiu hoxe a Antonio García de Seárez, Toni de Seárez, activista e comunicador que leva máis de 45 anos sendo a voz de Bergantiños no Uruguai.

A xuntanza foi un espazo para reflexionar sobre a emigración, a identidade e a pegada que Carballo deixou en Montevideo, unha cidade onde a presenza carballesa foi e segue a ser fundamental.

Toni García, que dende o programa de radio Sempre en Galiza mantén viva a conexión coa terra, personifica a dualidade de quen marchou pero nunca se foi de todo. Malia que a súa vida está plenamente asentada no país suramericano, a súa vinculación emocional segue intacta: “Todos os días me acordo de Carballo, de Galicia e de Bergantiños, pero vir, non. Estou moi cómodo alí”, explicou.

Esta frase resume décadas dunha vida, na que, como el mesmo ten recoñecido, os seus soños aínda transcorren en Galicia. O alcalde quixo responder a esa fidelidade reafirmando os lazos da vila coa súa diáspora: “Esta é a túa casa, e terás as portas abertas sempre que queiras”, sinalou.

Ao peche do encontro, Daniel Pérez fíxolle entrega de varios detalles cargados de simbolismo para que viaxen de volta ao Uruguai: libros sobre Carballo; copias da Sinfonía Bergantiños, que sen dúbida soará na radio uruguaia; un pisapapeis co skyline da vila e unha bolsa co lema Carballo levámolo dentro, unha frase que, no caso de Toni, cobra un sentido literal tras case medio século no exterior.

A visita institucional de hoxe é o limiar do acto que se celebrará mañá mércores no Casino 1889. Baixo o título “Antonio García de Seárez: unha vida de compromiso”, a veciñanza terá a oportunidade de escoitar a este referente da nosa emigración, un home que segue a ser ponte indispensable entre as dúas beiras do Atlántico.