A web oficial do concello de Carballo

Cultura e Igualdade únense para conmemorar o 8M cun concerto reivindicativo de De Vacas


A Deputación da Coruña e o Concello fan posible esta actuación que pretende converterse nunha celebración, pero tamén nunha loita a prol dos dereitos das mulleres


Carballo acolle o sábado 7 de marzo o concerto Vacanal Sinfónica do coñecido grupo galego De Vacas, que ademais de conmemorar o seu décimo aniversario nos escenarios e vir a encher o Pazo da Cultura da mellor música, empregará “o sarcasmo, a ledicia e a diversión”, en verbas da concelleira de Cultura, Maruxa Suárez, para reivindicar a igualdade con motivo do 8M, Día das Mulleres. Suárez estivo na presentación desta actividade acompañada da concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Maica Ures, da deputada de Igualdade de xénero, Sol Agra, e do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Todos quixeron subliñar que “a igualdade non pode converterse en algo estanco” senón que, segundo explica Ures, debe ser a “espiña dorsal” presente en todas as áreas de xeito transversal. Por iso, “nesta gran vacanal imos darlle a volta” a todas aquelas letras de cancións que sempre nos quixeron facer de menos, porque “se non sabes se algo é machista, dalle a volta a ver que che parece”.

A responsable do departamento de Igualdade de xénero da Deputación da Coruña, Sol Agra, resaltou que “o 8 de marzo non é só un día para celebrar, senón tamén para reivindicar” porque todavía “hai moito polo que loitar”. Para ela, Inés, Faia, Paula e Guillerme, os compoñentes de De Vacas, sempre representaron e revindicaron a mulleres fortes, neste caso farano a través dun concerto “lúdico” e cheo de “retranca”. Pechou o acto o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, reflexionando sobre o papel dos homes na loita pola igualdade, porque “debemos darnos conta de que aínda temos eses michomachismos contra os que temos que loitar” e tamén porque “hai moito camiño por andar para acompañar a todas as mulleres” nas súas revindicacións.

De Vacas e Iria Pinheiro

A Concellaría de Cultura, dentro da programación estable do primeiro semestre do ano, Cultura con Forza, ten preparadas dúas actividades arredor da fin de semana do 8M. Precisamente o concerto de De Vacas, patrocinado pola Deputación da Coruña a través da área de Igualdade de xénero coa colaboración do Concello de Carballo a través das concellarías de Cultura e de Igualdad, é unha delas. O grupo presenta no Pazo da Cultura o seu novo espectáculo Vacanal Sinfónica, que conmemora o seu décimo aniversario. Inés Salvado, Paula Romero, Faia Díaz e Guillerme Fernández, acompañadas polo Coro da Rá, presentan unha proposta de gran formato con músicos en directo que revisa o seu repertorio nunha ópera en catro actos. Cancións, letras e vivencias desta década tan exitosa baixo unha escenografía impactante. Un concerto único con diversión, epicidade, vacanal… son as máximas para esta celebración chea de sorpresas e de colaboracións no escenario de artistas de gran renome no panorama musical galego. As entradas está n á venda na BILLETEIRA do Concello desde o venres 20 de febreiro a partir das 15.00 horas.

Por outro lado, o venres 6 de marzo a Concellaría de Cultura presenta o espectáculo Vitória, de Iria Pinheiro. A obra é o retrato dunha denuncia. Unha peza de teatro autobiográfico que conta o proceso xudicial ao que se someteu a actriz cando interpuxo unha denuncia por acoso sexual contra o director do programa de televisión no que traballaba. Este espectáculo reconstrúe a historia que vai dende o 2017 a 2023 intercalando a documentación xudicial do proceso co xogo e a ironía características do cabaré. Iria Pinheiro, actriz e dramaturga, presenta unha proposta de teatro documental sobre reivindicación social e vulnerabilidade. A cita é a partir das 21.00 horas no Pazo da Cultura, está dirixida a público maior de 12 anos e as entradas están xa dispoñibles na BILLETEIRA do Concello.

A Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade tamén ofrecerá un programa de actividades específicas para conmemorar o 8M que se darán a coñecer proximamente e que seguirá fiel ao espírito de transversalidade na defensa dos dereitos das mulleres que permea todas as áreas do Concello de Carballo