A web oficial do concello de Carballo

Completado o plan anual de mellora de camiños rurais para facilitar a actividade agrogandeira

O Concello de Carballo deu por finalizado o programa anual de mellora de camiños rurais cunha visita ao lugar do Outón, na parroquia de Rus. O alcalde, Daniel Pérez, xunto cos concelleiros de Obras e Servizos, Luis Lamas e Miguel Vales, realizaron un agradable percorrido, acompañados por un numeroso grupo de veciños e veciñas, para supervisar o estado final dunhas vías estratéxicas para a actividade agrogandeira da contorna.

Esta visita marca a culminación dun proxecto técnico que incluíu actuacións en tres puntos clave do rural carballés: Loenzo de Abaixo (Bértoa), nun treito duns 160 metros; Serantes do Medio (Oza), case 450 metros, e dous treitos no Outón (Rus), onde se realizou a obra máis importante, cun total de 900 metros de lonxitude.

O obxectivo primordial destas intervencións foi a rehabilitación de camiños de saburra que presentaban un avanzado estado de deterioración debido ao intenso tráfico de maquinaria pesada e ás escorreduras de auga en épocas de choiva. Estas condicións dificultaban o acceso ás parcelas agrícolas e gandeiras, ademais de reducir a seguridade tanto para os vehículos como para os peóns.

As obras consistiron, de xeito xeral, no reforzo do firme, co estendido de novas capas de rodaxe de saburra artificial; a mellora da drenaxe, e a adecuación do trazado, nos puntos onde se contou coa colaboración veciñal, para facilitar as manobras da maquinaria.

O proxecto contou cun orzamento total de 104.295,97 euros. Para a súa execución, o Concello contou cunha axuda da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), a través do plan Camiña Rural, que achegou 87.093 euros.

“A mellora destas infraestruturas é fundamental para o noso rural. Non só facilitamos o traballo diario nas explotacións agrogandeiras, senón que tamén melloramos a seguridade e a calidade de vida nas parroquias”, indicou o alcalde.

Con esta iniciativa, o Concello de Carballo continúa coa súa folla de ruta de modernización das parroquias, priorizando a calidade de vida dos residentes no rural e o mantemento dunhas infraestruturas básicas eficientes para o sector primario, motor fundamental da economía local.