Esta mañá comezaron os obradoiros escolares do Enreguéifate en Carballo. O proxecto, impulsado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Arzúa, A Baña, Carballo, Narón, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, procura na súa décima edición promover a regueifa, de longa tradición na comarca bergantiñá, como unha das manifestacións máis valiosas do noso patrimonio cultural inmaterial.
Entre hoxe e a primeira quincena de decembro, terán lugar en Carballo dez obradoiros repartidos en catro centros educativos carballeses: o IES Alfredo Brañas, o IES Isidro Parga Pondal, o CEIP Canosa-Rus e o CEIP Gándara-Sofán. Á volta das vacacións de Nadal sumarase outra decena de obradoiros de regueifa en cinco centros máis do concello: o CEIP de Bergantiños, o CEIP Plurilingüe A Cristina, o CEIP Xesús San Luís Romero, o CEIP Plurilingüe de Nétoma-Razo e o CEIP Fogar. En total, entre este mes e marzo do 2027 terán lugar máis de 80 obradoiros de improvisación oral destinados alumnado do último ciclo de primaria e mais da ESO dos oito concellos impulsores do proxecto. Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Hadrián García e outras formadoras do Enreguéifate impartirán estes obradoiros que teñen a vontade de construír patrimonio en colectivo nas aulas.
Gala no Pazo da Cultura
Nesta décima edición, Carballo acollerá tamén a entrega dos galardóns do certame de regueifas en vídeo. Será o martes, 27 de abril de 2027, no Pazo da Cultura, nunha gala na que se recoñecerá a regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada, mellor falada, máis inclusiva e máis entroideira. Para optar a algún destes oito premios por categoría –escolar e xeral–, as persoas que queiran participar no certame poderán facelo do 1 de marzo ao 6 de abril de 2027, enviando un vídeo no que participen, como mínimo, dúas persoas regueifando en galego sobre un tema libre, cun máximo de tres minutos de duración. A inscrición poderá realizarse a través da páxina web do Enreguéifate, onde tamén estarán dispoñibles as bases completas do certame.
Baixo o lema Enreguéifate, construíndo patrimonio, esta edición celebra dez anos de colaboración e traballo conxunto entre os concellos, a comunidade educativa e a cidadanía nun proxecto que medra día a día, como o demostra a adhesión de dous concellos máis entre os seus impulsores, coa vontade de seguir espallando o amor pola lingua, a poesía, a oralidade e o enxeño.