Despois da boa acollida que tiveron as actividades desenvolvidas nos catro primeiros meses do ano, Concello de Carballo e asociación A Praza presentan as propostas que se van levar a cabo entre maio e agosto dentro do Plan de dinamización do mercado municipal, unha iniciativa que busca reforzar o vínculo entre a veciñanza e o mercado, favorecer o comercio de proximidade e impulsar unha programación estable de accións ao longo do ano.
Maio é, por excelencia, o mes das flores. Este produto, que podes atopar a diario no noso mercado, vai centrar as primeiras actividades. Entre o luns 11 e o xoves 14 vanse levar a cabo catro talleres de arranxos florais impartidos pola florista do mercado, Esther Capelet (sala Cervantes, 20.00 h). Nesta actividade hai vinte prazas para o alumnado de MercaEscola e outras 20 para o público en xeral. As inscricións realizaranse a través da páxina web do Concello de Carballo: carballo.gal.
Como complemento desta actividade, o luns 11 (sala Cervantes, 17.00 h) tamén se levará a cabo, dentro de MercaEscola, un taller de compostaxe doméstica. E o mércores 20 realizaremos un obradoiro de recuperación de plantas en mal estado, a cargo da enxeñeira técnica agrícola Carmen Alonso. Para esta actividade tamén será preciso inscribirse a través de carballo.gal.
Co obxectivo de facer da praza un lugar “cada vez máis dinámico e participativo”, como apunta o concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, a programación para os próximos catro meses inclúe non só formación, senón tamén sorteos e experiencias gastronómicas para toda a veciñanza.
Mes de maio
- Mércores 20 (17.00 h): Taller teórico-práctico de recuperación de plantas en mal estado. Prazas limitadas con inscrición en carballo.gal.
- Sábado 30, Día do Mercado. A praza de Carballo súmase á campaña galega Quere o teu mercado.
Mes de xuño
- Luns 18 (17.00 h): Sesión de mindfulness impartida por Teresa Vilanova (Aqí&Agora) dentro do programa MercaEscola.
- Xoves 18: Degustación de petiscos de San Xoán, elaborados con produtos típicos da época. Repartiranse vales coas compras realizadas nos postos.
- Venres 19: Sorteo dunha cesta con produtos dos postos do mercado (un boleto con cada compra).
Mes de xullo
- Campaña de prevención: Inicio dunha campaña informativa e de prevención do cancro de pel, en colaboración coa Xunta Local da AECC, que tamén ten a súa sede no mercado. Durante todo o mes, con cada compra entregarase unha tarxeta tipo “rasca” para gañar gorras, mochilas isotérmicas, discos voadores ou papaventos (ata fin de existencias).
Mes de agosto
- Experiencias de maridaxe: Catas de diversas bebidas acompañadas de pinchos elaborados con produtos da praza de abastos. As datas concretas están aínda pendentes de fixar.
Actividades permanentes
- Tarxeta de fidelización: Continúa activa a tarxeta de fidelizazión para participar nun gran sorteo a finais do ano. Os premios consisten en vales de compra para gastar nos distintos postos do mercado por importe de 700 euros (1º premio), 420 euros (2º premio) e 280 euros (3º premio.